Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DAS CRÍTICAS

A presidenta do Consello da Xuventude anuncia a súa dimisión

Dende o PP aseguran que esta decisión se debe ás irregularidades favorecidas polo PSdeG durante a súa elección.

Redacción - 18:00 21/07/2009

Pouco máis de tres meses despois de que fose elixida para presidir o Consello da Xuventude Galega (CXG), Azucena Rodríguez Amoroso renunciou ao carto. Na súa carta de dimisión apela a "unha cuestión de responsabilidade" con este organismo, logo dos "feitos, declaracións e manifestacións feitas ao longo destes meses sobre o acontecido na asemblea", que "non fan outra cousa que prexudicar ao propio Consello".

No documento que asina, Rodríguez Amoroso, asegura que "non coincide en absoluto" coas declaracións e manifestacións que "cuestionan a legalidade" da súa elección, mais subliña que "o non nomeamento por parte da Consellaría de Presidencia provoca unha situación de interinidade que prexudica á propia entidade, aos traballadores e, en última instancia, ao asociacionismo xuvenil galego".

Dende o CXG, o Comité Permanente foi convocado por carta certificada para o vindeiro xoves, co obxectivo de "proceder a resolver, canto antes, a situación actual".

O PP fala de presións e de fraude electoral
Esta decisión xa tivo as súas duras críticas por parte do Partido Popular (PP), quen xa apuntou que "a dimisión de Rodríguez Amoroso se produce polas irregularidades demostradas polo PSdeG" e mesmo engaden que "foi obrigada a dimitir polo deputado socialista, Xosé Manuel Lage", quen estaría interesado en "soltar lastre para medrar no partido".

Os populares reiteran que "a elección de Azucena Rodríguez, irma da anterior presidenta do CXG, se produciu nunha asemblea ilegal celebrada sen quórum e que só tivo lugar polas presións exercidas polo deputado socialista", a quen acusan de "ameazar, zarandear e exercer presión sobre os representantes de varias asociacións". Nesa liña, o PP entende que esta dimisión responde "ás investigacións abertas pola Dirección Xeral de Xuventude, que está recollendo os testemuños das organizacións que forman parte do Consello", polo que acusan a Lage Tuñas de forzar esta dimisión para "escapar dun contencioso que se podería iniciar" e que o deixaría en mal lugar, agora que "está inmerso" -din os populares- "nunha batalla por presidir o PSdeG na Coruña".

Xuventudes Socialistas acusan aos populares de mentir
Pola súa parte, a mocidade do PSdeG xa saíu ao paso destas acusacións e defenden que Azucena Rodríguez "asumiu a responsabilidade que non ten asumido o conselleiro de Presidencia ao non nomear á presidenta do CSG" nunha "clara confusión entre goberno galego e Partido Popular". Xuventudes Socialistas (XSG) subliñan que "a dimisión non se produce para darlles a razón ao PP, senón todo o contrario" ao tempo que reivindican que asemblea "foi totalmente legal" e recordan que "neste país os únicos que declaran a legalidade ou ilegalidade dun acto son os tribunais, aos que Novas Xeracións non acudiu porque sabe que non terían levado a razón".

Finalmente, lamentan as acusacións feitas sobre o deputado Lage Tuñas, que "en ningún caso presionou nin ameazou, nin moito menos foi o protagonista dun intento de agresión" e aseguran que "de ter sido así o que tería que ter feito a persoa en cuestión é "acudir aos tribunais para denunciar un feito tan grave, cousa que a día de hoxe aínda non fixo". Asemade, recordan que "en política non vale todo e que non se pode xogar con acusacións deste tipo".


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: