Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Manifestación no Día da Patria

Causa Galiza receita "soberanía nacional contra a crise do capital"

A plataforma a prol do dereito de autodeterminación convoca a manifestación do sábado e presenta un programa de actividades lúdicas.

Redacción - 18:15 20/07/2009
Cartaz deste ano (clique para ampliar)

Cartaz deste ano (clique para ampliar)

A plataforma social e política Causa Galiza convocou este luns con motivo do Día da Patria unha manifestación que se celebrará este sábado en Compostela. O lema elixido este ano, o terceiro consecutivo, é "Contra a crise do capital, soberanía nacional". A marcha partirá ás 13.00 horas da Alameda.

Posteriormente, está prevista unha xornada cun xantar popular e un programa de actividades culturais, deportivas e políticas no parque de Belvís, entre outras: palestras, presentacións de libros, xogos populares, actuacións musicais e proxeccións.

O voceiro da plataforma, Pedro Alonso, explicou que o Día da Patria deste ano está marcado pola "grave crise socioeconómica capitalista que atenaza a sociedade e provoca o aumento do desemprego, a temporalidade e a precarización; o feche de empresas e a aplicación de EREs, moitos sen xustificación, a emigración da mocidade e o asalto xeneralizado aos dereitos sociais".

Neste contexto, defende Causa Galiza, "é máis necesario que nunca demandar o dereito de autodeterminación". Consideran que "na actual situación de dependencia", o país "está a xogar unha partida coas mans atadas, e neste contexto sempre seremos de segunda".

O manifesto, lido por Laura Bugallo

Por outra banda, Alonso informou de que ao remate da manifestación se lerá un manifesto como vén sendo habitual. Nesta ocasión a encargada de o facer será "unha persoa destacada polo seu traballo no ámbito sindical e nomeadamente na defensa dos dereitos das persoas inmigrantes: Laura Bugallo, que ademais hai dous meses pasou por uns malos momentos persoais, precisamente polo seu compromiso sincero".

Na presentación, que tivo lugar no local social A Gentalha do Pichel, ademais de Alonso, estiveron outros membros da Portavocía e representantes da media ducia de correntes políticas que a integran (Corrente Vermella, Espaço Irmandinho, Fronte Popular Galega, Movemento pola Base, NÓS-Unidade Popular e Partido Comunista do Povo Galego), así como de diversos colectivos e locais sociais.


4,81/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: