Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
SEGUE EN DIRECTO A GRAVACIÓN DO SEU NOVO DISCO

O 'Grande Irmán' de The Homens

Roi (baixo) e Xocas (batería) levan unha semana en Sant Feliu de Guíxols, retransmitindo en directo dende o estudio.

Redacción - 12:30 18/07/2009
Tags: the homens

The Homens terán novo disco á volta do verán. Estes días están en Catalunya, nos estudios de Santi García en Sant Feliu de Guíxols, gravando os temas, entre os que estarán Hamster, Fanny Mae, A liña verde, Mira como arde, Rei azul, Crocanti, Tigre, tigre!, Non é o final, é o principio, À la guillotine!, Alba nuclear, Eles vs. Nós, Trutitoque (título provisional), 90 (título provisional) e Costa Brava (título provisional). En principio, polo que comentan, "o disco ten pinta de saír máis escuro, máis rabioso e máis punk que Tres".

O que máis chama a atención é que The Homens decidiron amosar todo o proceso de gravación do disco, a traves de comentarios diarios no seu blog, e sobre todo, a través da retransmisión en directo algunhas horas ao día. Fano a través de Ustream, onde xa podemos ver a Roi (baixo) e Xocas (batería) gravando a parte rítmica das cancións. Nos vindeiros días chegan Cristovao (teclados) e Martin Wu (voz e guitarra), co que poderemos adiviñar máis cousas sobre o resultado final.

Diario de navegación
DIA 1
A pesar dos contratempos iniciais (un pé de batería esquecido en DC e un prato, outro máis, estrañamente cascado, ambos os dous solventados por Víctor García), o primeiro día de gravación do noso segundo LP, con Santi García aos mandos, é ben produtivo. Un monte de micrófonos rodean a Ludwig sesenteira na que Xocas vai tocar as súas partes, con Roi como referencia ao baixo. Despois de horas de probas (os primeiros días son así), a cinta (é unha maneira de falar, dixital si, gracias) empeza a xirar. Xa van dúas baterías gravadas. Despois, praia e a durmir.

DIA 2
No día no que empezamos a emitir en directo partes da gravación do disco a través da nosa canle no Ustream (non imos poñelo todo, é un coñazo e ademais nós non somos concursantes do Gran Hermano, pero tentaremos emitir boa parte), quedaron gravadas as baterías de cinco temas, que están quedando perita. O experimento do streaming tivo boa acollida: hai quen di que somos a alternativa natural de El gato al agua (gracias, é o programa favorito dalgún de nós, e non vou dicir de quen nin que turbias razóns ten para que sexa así), e hai quen nos dá ánimos en redobles especialmente complicados.
O día, como é natural, acaba cunhas cañas e unhas bravas. Mañá chegará Cristovao!

DIA 3
Seguimos nas mesmas: The Homens TV está a punto de converterse na televisión máis aburrida do planeta (máis que Telecinco sen Evaristo Meixide, ese produto), Xocas anda gravando baterías e Santi García fai todo o posible por que o resuultado sexa perfecto, que o vai ser. Mentres, se todo vai ben, Cristovo voa para Barcelona, onde os dous homens xa expatriados irán buscalo. O traballo vai cun pouco de retraso, pero é por ben. Seguro.
Mañá pola mañá, máis gravación en directo a través de Ustream. No que xa hai gardado podedes ver a magnífica colección de guitarras de Santi, escoitar horribles chistes do baixista e aprender como se organiza unha macropulpada. Lástima que ese día non vaia haber wifi. Por favor que non a haxa.

DIA 4
Empurrón á gravación: hoxe quedaron listas as baterías e empezamos co baixo. A pulpada da semana que vén promete ser nun castelo (xa será menos), Cristovao xa se incorporou ao grupo de produción e Wu segue espiando a través das conexións polo Ustream.
Mañá máis (baixos e teclados) e máis bonito.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xocas e Roi, minutos antes de saír de Compostela na furgoneta en dirección a Catalunya
Xocas e Roi, minutos antes de saír de Compostela na furgoneta en dirección a Catalunya
The Homens en Sant Feliu de Guixols (foto: Cebolo)
The Homens en Sant Feliu de Guixols (foto: Cebolo)