Un estudo propón a creación dunha compañía galega que aproveitase o tirón do Xacobeo e que evite a perda de competitividade dos tres aeroportos.
En momentos de crise, os empresarios estrullan aínda máis o seu maxín para aproveitar as novas oportunidades de negocio. E a celebración o vindeiro ano do Xacobeo abre as portas a un novo proxecto para o que algúns xa amosaron o seu interese, o da posíbel creación dunha compañía aérea galega.
Até agora só é un estudo, elaborado pola consultora RL&L, mais que apunta a unhas moi boas expectativas. Nel traballaron seis empresarios galegos, que propoñen a creación dunha marca propia, que se encargue da xestión e que subcontrate a operadora aérea, é dicir, que alugue os avións a algunha outra compañía que os teña inutilizados. Ademais, a idea é que se puxese en marcha unha axencia para a venda exclusivamente do destino Galiza.
Como e cando
O momento actual sería o máis acaido para poñer a andar este proxecto, dunha banda pola caída da demanda nos aeroportos galegos (un descenso do 20% no primeiro semestre do ano), e da outra, pola oportunidade que brinda a celebración o vindeiro ano do Xacobeo 2010, unha cita para a que se agardan moitas visitas. Competiríase así coa terminal portuguesa de Porto, que se está o consolidar como a máis utilizada da área da Eurorrexión e que xa está a preparar unha extraordinaria campaña para o ano Ano Santo.
Segundo o estudo, sería necesaria a creación dun Consorcio Aeroportuario de Galiza, onde se integrasen as tres terminais galegas, a iniciativa privada e a Administración. A partir de aí, crearíase a nova liña e elixiríase a compañía á que subcontratar os aeroplanos, é dicir, o operador externo. De poñerse mans á obra de xeito inmediato, o responsábel da consultora, Rubén López, considera que que a empresa se podería crear nun ano e medio ou dos anos, sempre que se fundase ese consorcio rapidamente, feito que considera máis posíbel hoxe grazas "á boa sintonía" entre o presidente da Xunta, Núñez Feijoo, e o ministro de Fomento, Xosé Blanco.
Sobre a inversión necesaria, López apunta a un montante inicial de 10 millóns de euros. Ademais, subliña que existen moitas vantaxes, xa que evitaría a dispersión de esforzos coa competitividade entre os tres aeroportos galegos e, ao tempo, promocionaría o destino turístico galego. Doutra banda, permitiría a creación de novos postos de traballo tanto directos, como indirectos.