O conselleiro de Medio Ambiente confirmou que os resultados da autoría ambiental que se está a efectuar coñeceranse "este verán".
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asegurou este sábado que a ampliación prevista para a planta de residuos da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), mellorará e incrementará a súa capacidade nunhas 342 mil toneladas.
En declaracións aos medios logo de visitar as instalacións da empresa pública en Cerceda, Hernández avanzou que "en seis meses" estará listo o esquema de xestión de residuos de Galiza, e a construción de dous novos vasos de residuos na planta de Cerceda. O primeiro sairá a licitación "a próxima semana".
"Sogama seguirá sendo un dos piares do novo plan de residuos sólidos urbanos, e para iso será dotada de novas infraestruturas que permitan dimensionala axeitadamente para solucionar a saturación actual", sinalou.
Auditoría ambiental
Por outra banda, confirmou que os resultados da autoría ambiental que se está a efectuar coñeceranse "este verán", e que a partir de aí "tomaranse as medidas necesarias" aínda que "xa se está poñendo en marcha medidas urxentes".
A Consellaría informou de que a auditoría ten varias fases. Por unha banda, unha identificación e avaliación dos "aspectos ambientais expostos" e, por outra, os "aspectos legais e administrativos". Tamén se estuda a "adecuación á normativa vixente, tomando como referencia as normas ISO".