O Plan pretende definir o modelo de administración electrónica, da xustiza e das telecomunicacións, previo a un novo Plan estratéxico.
O Goberno aprobou este xoves un Plan de medidas urxentes no ámbito das TIC que marcará, de seguro, as políticas relacionadas coas novas tecnoloxías para os vindieros anos. En principio, este plan referirase ao aproveitamento dos servizos tecnolóxicos da Administración pública e definirá os ámbitos prioritarios. Desenvolverase entre 2009 e 2010 e ten un orzamento de 8,34 millóns de euros.
O plan servirá para planificar a estratexia global no ámbito tecnolóxico da Xunta. Así, definirase o modelo de administración electrónica, a dixitalización da Xustiza e a posta en marcha dun Plan director de telecomunicacións. Este mesmo mes de xullo iniciarase o procedemento de licitación pública.
Os seis proxectos estratéxicos mencionados no plan son o modelo de e-goberno de Galiza, os servizos multicanle e as plataformas de colaboración, o Plan de sistemas de Xustiza, o sistema de información e xestión de persoal da Administración, a consolidación dunha plataforma corporativa de sistemas e continuidade de servizo e, finalmente, o Plan director de telecomunicacións de Galiza.
A este plan, definido como "folla de ruta" no eido tecnolóxico, seguiralle a elaboración dun Plan estratéxico global, que con toda probabilidade substituirá o vixente PEGSI, que expira precisamente en 2010. O novo plan estratéxico orientará a política tecnolóxica da Xunta nos vindeiros anos, e aínda é unha incógnita se seguirá na mesma liña marcada polo anterior Goberno ou se definirá novos parámetros.