O gobernador anunciou en maio que abriría un debate sobre a súa legalización. Agora un anuncio de TV defende tamén os beneficios económicos da medida.
MPP impulsa a campaña
Arnold Schwarzenegger anunciaba en maio que era tempo de debater sobre a posibilidade de legalizar a venda de cannabis en California. No entanto, o gobernador do estado máis endebedado dos EUA insistía en que calquera decisión que se tomase non debería estar baseada na economía.
Este mércores a organización civil a prol da legalización Marijuana Policy Project presentou un anuncio de televisión onde se lle pide ao goberno do actor de Hollywood metido a político que abandone a hipocrisía e levante o veto a esta droga; e si, tamén, por cuestións económicas.
O anuncio de 30 segundos alerta do perigo de recortes nos servizos públicos e mostra unha funcionaria xubilada que critica o Goberno autonómico por "ignorar millóns de californianos que queren pagar os seus impostos". Marijuana Policy Project informou de que catro canles rexeitaron difundir o corte publicitario.
"Os consumidores de herba de California están cansos de ser tratados como delincuentes e desexan ser contribuíntes legais", indicou un dos seus membros, que aclarou que o anuncio non incita ao consumo de marihuana senón a debater sobre o asunto.
O deputado demócrata Tom Ammiano presentou unha proposta en febreiro para gravar e regulamentar a venda do cannabis como a do alcol. Segundo os seus cálculos, cun imposto de 50 dólares (uns 35 euros) por cada 30 gramos, a facenda publica podería ingresar arredor de mil millóns de dólares anuais (máis de 700 millóns de euros).