Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Golpe de estado en Honduras

EUA condiciona 200 millóns de dólares en axudas á volta de Zelaya

O presidente hondureño chega a Costa Rica para dialogar co Executivo imposto. Micheletti non confirma a súa asistencia.

Redacción - 11:30 09/07/2009
Zelaya (der.), recibido por Stagno

Zelaya (der.), recibido por Stagno

Tal e como anunciara este mércores o Departamento de Estado (Ministerio de Exteriores) dos Estados Unidos, a embaixada do país norteamericano en Honduras anunciou que vai deixar en suspenso todas as súas axudas como represalia polo golpe de estado.

En total son case 200 millóns de dólares (máis de 140 millóns de euros), dos que xa foron cancelados 16,5 en concepto de asistencia militar, informou a delegación estadounidense en Tegucigalpa nunha nota oficial.

A economía hondureña depende en gran medida dos EUA. A embaixada precisa que manterán os seus programas de axuda alimentaria e médica e o capítulo para a preparación de eleccións "libres e xustas".

O sábado pasado, a Organización de Estados Americanos (OEA) decidiu suspender a participación de Honduras e pediulles aos seus membros, incluídos os EUA, que revisasen as súas relacións co país en todos os aspectos, incluídas as súas axudas económicas.

Os EUA teñen no país unha base aérea (Soto Cano) con 600 soldados. Na década de 1980, foi usada pola CIA para as súas actividades contrarrevolucionarias (a contra) en Centroamérica.

Encontro en Costa Rica

Ademais, en referencia ao encontro previsto para este xoves en Costa Rica entre o presidente constitucional hondureño, Manuel Zelaya, e o imposto, Roberto Micheletti, a embaixada sinalou que o obxectivo debe ser "o retorno do goberno lexítimo de Honduras e a restauración dunha orde constitucional e democrática".

Zelaya xa está Costa Rica para iniciar o diálogo coa mediación do mandatario deste país, o premio Nobel da Paz Oscar Arias. Procedente de Washington, chegou acompañado pola súa ministra de Exteriores, Patricia Rodas, e foi recibido polo xefe da diplomacia costarriqueña, Bruno Stagno.

"Estou aquí atendendo as resolucións da OEA e a ONU que fixeron declaracións contundentes condenando esta poutada en Honduras, non recoñecendo o goberno de facto e pedindo a restitución do goberno democrático", sinalou Zelaya, que cualificou de golpista e de criminal o Micheletti e que entende esta mediación como un proceso para planificar "a súa saída da forma máis honrosa".

Micheletti, pola súa banda, non confirmou se acudirá á cita. "Está designada a comisión para ir a Costa Rica, os integrantes saberanos o día de mañá, cando eles partan", dixo Micheletti este mércores en declaracións aos xornalistas.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: