Manterán unha nova xuntanza este mércores en Vigo para debullar un "calendario de mobilizacións". Mentres, a patronal insiste en que as perdas dos máis de 20 días de folga son "irrecuperábeis".
Na mañá do luns os sindicatos acordaron suspender, de forma temporal, a folga do sector do Metal / Imaxe: CIG
Representantes do sector metalúrxico dos sindicatos CIG, CCOO e UXT mantiveron este martes en Vigo unha xuntanza, tras a que deron por recuperada a unidade de acción, aínda que o mércores han retomar o encontro para debullar os contidos tratados, o "calendario de mobilizacións" e unha "proposta de acordo".
Os representantes sindicais, que suspenderon temporalmente a folga no sector -convocada pola paralización no convenio colectivo e que chegou aos 23 días non consecutivos-, reuníronse na sede de UXT en Vigo, durante unhas dúas horas e media, nas que comezaron a abordar o calendario de futuras mobilizacións -a desenvolver se non se resolve o conflito-, e onde falaron sobre unha "proposta de acordo" para o convenio colectivo da provincia.
A semana pasada UXT decidira paralizar a convocatoria de folga -rompéndose a unidade de acción sindical-, e o luns CCOO sumouse a esta opción, que, posteriormente, secundou tamén a CIG. Debido á suspensión temporal do paro, este martes foi a primeira xornada de normalidade na actividade do sector.
A patronal fala de "danos irreparábeis" causados polos 23 días de folga
Pola súa banda, o voceiro das cinco patronais que negocian este convenio, Enrique Mallón, confirmou que a actividade nas empresas do sector desenvolveuse este martes con "normalidade" e lamentou que os 23 días de folga desen lugar a "danos irreparábeis", non só os que se poden cuantificar economicamente -máis de 1.100 millóns de euros-, senón tamén polo "prexuízo que o conflito supuxo á imaxe e credibilidade" do sector.
Mallón destacou que hai pedidos que "xa voaron" e, debido á experiencia de anteriores conflitos "hai clientes que non volven máis". Neste sentido, destacou a provincia sae prexudicada en favor doutros territorios, como o Norte de Portugal -para a automoción, moldes e matrices e maquinaria-, ou Corea e Turquía -no sector naval-. En canto a unha posíbel xuntanza esta semana cos sindicatos e os mediadores na negociación do convenio, Mallón recoñeceu que está a haber contactos informais coa Administración co obxectivo de fixar canto antes un posíbel encontro entre as partes. Mallón tamén explicou que a patronal non baralla un escenario sen acordo máis aló das vacacións de verán. O voceiro dos empresarios tamén lembrou que a súa última oferta económica realizada -un incremento salarial do 2% no primeiro ano e o IPC máis 0,5% para o segundo e terceiro ano, cunha posibilidade de incrementalo nunhas décimas nos dous últimos anos- é "a mellor de todo o Estado Español" e xa foi considerada no seu día como a límite, xa que "as marxes son os que son", apuntou.