Permitirá que os pais poidan seguir escollendo a adhesión dos centros a este programa, mais non concederá as axudas destinadas até o de agora á iniciativa.
Algo menos de medio cento de centros, sumando apenas o 1% do total de alumnado no treito da Educación Infantil, estaban no último curso adheridos ao programa de aulas de infantil en galego en contextos casteláns-falantes. Unha iniciativa comezada hai poucos anos e que require, para ser introducida nun centro, un mínimo de nais e pais que soliciten para os seus fillos a inclusión no programa.
Diante da viraxe e o debate actual sobre a lingua na comunidade escolar, o Sindicato de Traballadores do Ensino (STEG) pedira da Consellaría de Educación explicacións polo aparente aprazamento da orde que regula a concesión de "subvencións a centros educativos públicos para a introdución de accións que potencien o ensino en lingua galega en infantil". Desde o sindicato cualifican de "desconcertante" a resposta inicial da consellaría xa que, afirman, o departamento do conselleiro Xesús Vázquez, asegurou descoñecer a existencia de tal proxecto. Posteriormente, láianse desde o STEG, a consellaría comunicou que tal programa de subvencións deixaría de aplicarse. Un xesto que, critican os representantes dos mestres, "mostra un claro retroceso en materia de normalización do galego".
Este mesmo mércores, o sindicato recibiu comunicación oficial do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Xosé Luís Mira Lema, garantindo a posibilidade de que os centros que o desexen continúen co programa pero advertindo de que non contarán co apoio das subvencións da consellaría. A maiores, critican desde o STEG que a consellaría non vaia comunicarlle aos centros afectados esta decisión, e quéixanse de que tampouco se realice esforzo en publicitar a existencia deste programa. "Dende o STEG, seguiremos atentos a calquera retroceso en materia lingüística que pretenda levar a diante este goberno lingüicida", conclúen.