Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cuestionada a xestión de Vigozoo

Galiza non cumpre a lei europea de mantemento de animais salvaxes

A Xunta e outras administracións do Estado terán que render contas ante o Tribunal da UE pola situación das súas instalacións zoolóxicas.

Redacción - 12:45 30/06/2009
Un oso no Vigozoo / Imaxe: web do zoolóxico vigués

Un oso no Vigozoo / Imaxe: web do zoolóxico vigués

Vigozoo, zoolóxico situado no Monte da Madroa, en Vigo, está entre os parques zoolóxicos de 11 comunidades autónomas do Estado Español que non cumpren coa Directiva Europea referente ao mantemento de animais salvaxes nestes parques, aplicada a través da Lei 31/2003, coñecida como a Lei de Zoos.

Bruxelas decidiu levar o Estado Español ante o Tribunal Europeo, en resposta ás denuncias presentadas pola ONG Eurogroup for Animals en outubro de 2006, baseadas nun informe emitido por InfoZoos, que puña de manifesto a "alarmante situación que atravesan gran parte dos zoos" españois. Con Galiza, tamén foron denunciadas pola ONG Infozoos -plataforma formada polas ONG Born Free Foundation (Reino Unido) e ANDA (Madrid)-, as Comunidades Autónomas de Asturias, Aragón, Baleares, Cantabria, Canarias, Castela-A Mancha, Castela e León, Estremadura, Murcia e Valencia.

Dende que, en outubro de 2008, o goberno español recibiu un aviso da Comisión Europea, aínda estaban por diante uns meses para responder ante esta institución polas denuncias presentadas por estas organizacións non gobernamentais. Porén, ao non haber resposta, a CE seguiu adiante co proceso, un feito que foi moi ben acollido por InfoZoos, dende onde sinalaron que agardan que este procedemento "sirva como revulsivo e, despois de seis anos dende a publicación da Lei de Zoos", o Estado Español "comece a aplicar a lexislación axeitadamente", sinalou o voceiro desta organización, Alberto Díez.

En total son 120 os zoos do Estado nos que non se respectan as regras de coidado animal, que pasan por velar para que os animais vivan nas condicións axeitadas, e os parques cumpran "obxectivos de conservación e educación".

A xestión de Vigozoo cuestionada
Por outro lado, dende Vigozoo defendéronse -en declaracións a un medio galego-, sinalando que a culpa do atraso na adaptación á normativa europea das súas instalacións é da Xunta, que, após supervisar as mudanzas nas instalacións da Madroa, aínda non enviou unha resposta válida para regular a situación deste zoo. Nos últimos anos Vigozoo mudou as súas instalacións, retirando gaiolas e deixando os animais, segundo din, "es espazos abertos", como demandaban as organizacións ambientalistas.

En Galiza, as competencias en materia de zoolóxicos correspóndenlle ao Servizo de Conservación da Natureza, que depende da Consellaría de Medio Rural.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: