Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN SEVILLA

A Torre de Hércules, á espera da decisión da Unesco

A organización internacional desvelará se o único faro de orixe romana en activo do mundo será declarado Patrimonio da Humanidade.

Redacción - 10:30 27/06/2009
A Torre de Hércules conta con moitas posibilidades para converterse no terceiro monumento galego en contar coa distinción

A Torre de Hércules conta con moitas posibilidades para converterse no terceiro monumento galego en contar coa distinción

A mitoloxía di que houbo un xigante chamado Gerión, rei de Brigantium, que obrigaba aos seus súbditos a entregarlle a metade dos seus bens, incluídos os fillos. Mais Hércules retou ao titán nunha gran batalla, na que o derrotou. Foi enterrado e, no lugar, levantouse un túmulo que foi coroado cun gran facho, que daría orixe a toda unha cidade, creada ao seu redor. Aí comezou a lenda e o mito da Torre de Hércules, un monumento que marcou a xénese da Coruña e que hoxe xa a representa en todo o mundo.

Mais mitoloxías á parte, hoxe a torre herculina é xa un símbolo para a cidade, un emblema que a identifica e a representa e que leva dous mil anos iluminando e guiando a navegación. Ademais, a día de hoxe, é o único faro de orixe romana en activo, unhas calidades que o amparan para converterse en Patrimonio da Humanidade. A decisión, a piques de ser coñecida, tómase este sábado en Sevilla, até onde xa se desprazou unha delegación galega encabezada polo conselleiro de Cultura, Roberto Varela e polo alcalde da Coruña, Xabier Losada.

Única candidatura de todo o Estado Español, que ademais está entre os que máis distincións ten deste tipo (segundo, logo de Italia), todo apunta a que podería converterse no 40º monumento en facerse acredora do recoñecemento. O optimismo é xeneralizado entre a representación galega e mesmo o conselleiro de Cultura falou dun 95% de posibilidades para que a Torre de Hércules sexa o terceiro dos monumentos galegos en recibir o recoñecemento como Patrimonio da Humanidade, logo do casco histórico de Santiago de Compostela e a muralla romana de Lugo.

Anterior: Estes son os rivais da Torre de Hércules


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: