Os socialistas negan que a contratación desas persoas supoña "un esforzo económico novo", xa que, segundo din, empregaranse partidas xa destinadas ao fomento do emprego.
Traballadores do Grupo Antolín, que fabrica pezas para Citroën, maniféstándose contra un ERE, en outubro do ano pasado / CIG
O voceiro parlamentario de Traballo do PSdeG, José Tomé, responsabilizou á Xunta dun "gran engano" en relación á contratación de catro mil parados que esgotaron xa o seu subsidio de desemprego, ao asegurar que ese colectivo está integrado por "50 mil persoas", e non a cifra defendida pola Consellaría de Traballo e Benestar.
Nun comunicado, o deputado socialista rebátelle ao departamento que dirixe Beatriz Mato, que a contratación desas catro mil persoas non supón "un esforzo económico novo", xa que, segundo o PSdeG, neste caso a Administración laboral limitouse" a realizar "un transvasamento de partidas que xa estaban destinadas ao fomento do emprego".
Neste sentido, Tomé pregúntalle ao Goberno sobre a situación na que fican o "resto" de parados que esgotaron as súas prestacións, e sobre os criterios que estabelecerá a Xunta para conceder as axudas. Ao seu xuízo, o investimento é "claramente insuficiente" para cubrir o colectivo de "longa duración", ao insistir en que esas catro mil persoas representan a un 8% dos parados galegos que xa non teñen dereito a subsidios.