Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Fernando Pérez, director xeral de Gradiant

"Seguimos no lado subdesenvolvido da fenda dixital"

O responsábel do Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións fala das perspectivas de futuro dun sector cada vez máis importante na nosa vida.

M. del Río - 09:00 27/06/2009
Fernando Pérez

Fernando Pérez

Fernando Pérez dirixe Gradiant, Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia. Representa, polo tanto, un sector con evidente importancia no futuro das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. Ademais, a partir de setembro simultaneará o posto coa Cátedra Príncipe de Asturias en Ciencia e Tecnoloxía da Información e das Comunicacións na University of New Mexico (EUA).

O sector das novas tecnoloxías en Galiza está a recibir moitos recoñecementos. Por exemplo, recentemente, nove empresas adscritas a Vindeira recibiron a acreditación CMMI. Que supón esta distinción?

Non so é un recoñecemento para o software que se está a desenvolver na nosa comunidade, senón que amosa o valor do traballo colaborativo, neste caso impulsado pola Plataforma Vindeira. En Galiza necesitamos máis iniciativas como esta, que demostran que cando se busca a complementariedade e as sinerxías, todas as partes gañan.

A que nivel se atopa o sector galego das TIC, comparado co noso contorno?

O sector galego das TIC goza dunha envexábel posición no contexto español. Algunhas das empresas do sector son ben coñecidas internacionalmente e están todos os días a demostrar o alto nivel da tecnoloxía saída de Galicia; ademais estanse a crear moitas empresas novas e dinámicas que nos deparan agradábeis sorpresas. Pero non se debe falar de casualidade: existe un tecido de xeración de coñecemento que dá soporte a estes avances. Temos escolas de enxeñeiros informáticos e de telecomunicacións de altísimo nivel formativo e investigador, e o Centro Tecnolóxico que eu dirixo, aínda que de recente creación, xa está a facer aportacións de alto impacto.

Puxéronse en contacto co novo goberno para facerlle chegar as súas propostas? Cales son as súas expectativas?

Xa tivemos os primeiros contactos. A nosas expectativas pasan por que se entenda a importancia que ten a I+D na creación de riqueza. A I+D ten ciclos de retorno de inversión relativamente longos, polo que non se poden esperar resultados inmediatos, pero no mundo competitivo e globalizado no que vivimos, non hai outro xeito de loitar: por desgraza, continuamente estamos a ver no noso entorno que tratar de competir en custos ou aferrarse ás preferencias locais para xerar mercados é un erro. Que nos queda pois? A xeración de coñecemento, ir por diante dos demais. Por iso esperamos do novo goberno que aposte pola I+D e que sobre todo o faga con moita máis intensidade naquelas áreas nas que é posible a traslación dos resultados ao noso tecido industrial, coma no caso das TIC.

Como valora as liñas estratéxicas marcadas no PEGSI?

En xeral, a miña valoración é positiva, especialmente no que toca a importancia das infraestructuras de telecomunicación e o achegamento telemático da administración ao cidadán.

Ve positiva a evolución da sociedade galega cara á Sociedade da Información e a superación da fenda dixital? Cre que se poderían tomar medidas para acelerar esa converxencia?

As estatísticas seguen a dicir que seguimos no lado subdesenvolvido da fenda dixital. Naturalmente, para acelerar a converxencia sería necesario traballar arreo na dotación de infraestructuras de acceso de banda ancha, porque por primeira vez existen os medios tecnolóxicos para facelas realidade cun custo asumíbel. E por outra banda hai que profundizar na alfabetización dixital, o que tamén precisa do desenvolvemento de tecnoloxías que fagan máis sinxela a interacción das persoas coas máquinas e co software.

Como ve o futuro do sector das TIC en Galiza? Tamén lle afecta a crise económica?

Hai uns anos xa vivimos, algúns de nós de moi preto, a nosa crise particular, co estoupido da burbulla das punto com. Como en todas as crises de burbulla, nos primeiros intres afectan a todos, pero en canto se aclara o panorama xorden moitas novas oportunidades e nichos de mercado. No caso das TIC, aínda estamos aproveitando aquelas oportunidades; o importante é que malia crise, a I+D non se detivo. Por tanto, eu vexo o futuro do sector TIC en Galiza dun xeito moi optimista; por suposto a crise se está a notar, pero seguimos crecendo a bo ritmo.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: