O presidente do principal partido nacionalista de Euskadi, Íñigo Urkullu, pide que se rexeite o asasinato e que se deixen á marxe as “valoracións políticas”.
Todos os partidos políticos que conforman o Parlamento Vasco están a condenar o último atentado de ETA que lle custou a vida a un inspector xefe da policía española en Bilbao, Eduardo Puelles. O pulso que libra o PSE e o PNV queda momentaneamente aparcado para condenar a violencia.
O lehendakari, o socialista Patxi López, manifestou a súa “raiba contida” porque “ETA acabou coa vida dun traballador deste pobo, era un dos nosos”. Nunha declaración moi contudente, López mandoulle aviso a ETA: “Imos rematar con eles con todos os recursos que nos dá a lei”.
O líder do PNV, Íñigo Urkullu, afirmou que co atentado deste venres ETA mata “en certo grao” a toda a sociedade. Dende a formación nacionalista subliñan que é preciso deixar a un lado valoracións con contido político e centrarse na condena do atentado: “É preciso que todos nos pronunciemos sobre a violación dun dereito humano fundamental, a vulneración do dereito que toda persoa ten a vivir e isto é o que hoxe, como PNV, temos que subliñar”.