A asociación defendeu no parlamento luso os seus valores para que o patrimonio galego-portugués forme parte da Lista Indicativa do Patrimonio Cultural Inmaterial.
"Agora é o momento de volver a insistir na petición do recoñecemento ao patrimonio cultural inmaterial galego portugués", asegura Lurdes Carita, vicepresidenta de Ponte... Nas Ondas! e cabeza visíbel da entidade en Portugal. A consideración xorde ao fío da celebración esta segunda feira do Coloquio sobre Patrimonio Cultural Inmaterial no parlamento portugués.
Baixo o título de A face intanxíbel do patrimonio desenvolveuse esta xornada da que saíron moi satisfeitos os representantes galego-portugueses: "se ben esta xornada tivo moito de institucional, valeunos para comprobar os apoios cos que contamos para que o noso patrimonio común poida ser incluído na Lista Indicativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco", di Carita. De feito, a maior satisfacción tivérona logo da primeira intervención de Fernando Brugman, responsábel da sección de Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco: "dunha banda, coñecía perfectamente o proxecto, polo que non fixo falta realmente explicar moito máis; e doutra felicitounos polo traballo feito e polas boas prácticas na liña de salvagardar este acervo común".
Apoio das administracións galego-portuguesas
Así as cousas, Carita non quere ser excesivamente optimista con respecto ao posíbel apoio de cara a obter a distinción europea. "De momento estamos satisfeitos coas reaccións que imos atopando, se ben aínda non se pode dicir que contemos coa axuda das administracións portuguesas", asegura. "O importante agora é que xa contamos cun importante recoñecemento sobre todo o proceso no que levamos traballando por parte da Unesco; agora o que nos interesa é ver cal é a disposición do Ministerio de Cultura".
No referente á administración galega, a vicepresidenta de Ponte nas Ondas é aínda máis cauta: "nós temos solicitado diferentes xuntanzas e, de momento, estamos agardando a que nos chamen, pero de momento non temos data". No que si confían, dende a asociación é que están a darse os pasos necesarios para que o patrimonio galego-portugués obteña o recoñecemento da Unesco: "sabemos que estamos no bo camiño", asegura Lurdes Carita.