Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NA RESERVA DA BIOSFERA

Acusan a dirección do Parque Natural do Xurés de atentar contra a conservación do espazo

Adega denuncia a organización dun roteiro interpretativo para o que se acondicionaron pistas eliminando especies en perigo de extinción.

Redacción - 13:00 09/06/2009
Tags: Adega Xurés

Conservación dos valores naturais e non turismo de masas. Iso é o que pide a asociación ecoloxista Adega para o Xurés-Gerês. A finais de maio, a Unesco declaraba este espazo Reserva da Biosfera, a primeira transfronteiriza e, para celebralo e con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, a dirección do Parque organizou un roteiro interpretativo. Segundo denuncian dende este colectivo, esta actividade incumpriu todos os protocolos de conservación do medio ambiente.

Para comezar, Adega fala de masificación, xa que se sumaron á actividade preto de 200 persoas que, con todo, non recibiron información sobre a flora e a fauna existente no lugar: "segundo as queixas de moitos participantes, máis que un roteiro interpretativo semellaba unha proba deportiva para ver quen chegaba antes á meta", explican dende o colectivo.

Desbroce de especies en perigo de extinción
Con todo, as críticas máis duras adícanas a feitos que teñen que ver cos impactos sobre a conservación dos hábitats e especies emblemáticas do Xurés: "o roteiro atravesou un espazo catalogado como Zona de Reserva Integral, onde a estas alturas do ano está en plena época de reprodución unha das escasas parellas de lobo do parque", explican.

Ademais, segundo denuncian, nas semanas previas á data da actividade "fíxose un desbroce do camiño a percorrer cortando toda a vexetación e, entre outras especies, aniquilando miles de lirios do Xurés, unha especie de alto valor botánico, endémica deste lugar e catalogada como en perigo de extinción".

Desleixo das administracións
Dende Adega exixen responsabilidades á dirección do Parque Natural do Xurés, que foron os organizadores do roteiro, e á Consellaría de Medio Rural, de quen depende esta entidade. Subliñan que "existen multitude de lugares no Parque sobre os que organizar roteiros interpretativos e educativos, sen que teñan que transcorrer polos espazos especialmente sensíbeis".

Así, piden a todas as administracións (Medio Rural, Medio Ambiente, Territorio) que teñan en conta que a súa principal función é a conservación de espazos protexidos coma este.


Ligazóns

4,6/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O lirio do Xurés é unha especie en perigo de extinción (Foto: Xabier Perdiz)
O lirio do Xurés é unha especie en perigo de extinción (Foto: Xabier Perdiz)
Adega exixe responsabilidades a todas as administracións con capacidade de decisión sobre o Parque
Adega exixe responsabilidades a todas as administracións con capacidade de decisión sobre o Parque