Estados Unidos, China e Francia foron os tres países que máis cartos adicaron a armas, un custe ao que todo o mundo adicou case un billón e medio de dólares.
A crise non afecta ao gasto militar. Contra o que sucede noutros sectores como o aeroespacial ou a aviación civil, a industria da defensa está nun estado máis que saudábel. Así o demostran as cifras que fixo públicas o Instituto Internacional de Estudos para a Paz de Estocolmo (SIPRI), segundo as cales o gasto mundial en armamento militar medrou un 4% o ano pasado, chegando até os 1,46 billóns de dólares (1,05 billóns de euros).
Países que máis gastan
Estados Unidos encabeza a lista dos que máis cartos adican a armamento militar. Así acaparou máis da metade do gasto total con 600 mil millóns de dólares (430 mil millóns de euros). Ademais, esta estatística revela que incrementou este gasto un 58% nesta última década.
Séguelle China, cun gasto estimado de 84.900 millóns (60.800 millóns de euros); Francia, con 65.700 millóns (47.050 millóns de euros); Gran Bretaña, con 65.300 millóns (46.765 millóns de euros) e Rusia, con 58.600 millóns (41.970 millóns de euros). Completan a listaxe dos dez primeiros, por esta orde, Alemaña, Xapón, Italia, Arabia Saudí e a India.
Conflitos armados e operacións de paz
Segundo subliña o informe, a "idea da guerra contra o terror animou a moitos países a ver os seus problemas a través dunha óptica moi militarizada, que se emprega para xustificar un alto gasto militar". Así, o custe en gasto militar adicional das guerras en Iraq e en Afganistán, só nos Estados Unidos, ascendeu a 903 mil millóns de dólares (647 mil millóns de euros).
Doutra banda, as operacións de mantemento da paz tamén benefician ás empresas de defensa, xa que provocan a compra de máis armamento. Este tipo de misións aumentaron un 11% no pasado ano, o que tivo tamén a súa repercusión na estatística, a máis destacada a da rexión sudanesa de Darfur e da República Democrática do Congo.
Compañías armamentísticas
As 100 principais empresas do sector, excluídas as chinesas, venderon armas en 2007 (segundo o informe son os datos máis fiábeis) por un valor de 347 mil millóns de dólares (249 mil millóns de euros), o que supón un 11% máis que o ano anterior.
Na lista das 20 principais compañías só aparecen firmas europeas e estadounidenses. A que lidera a estatística é a estadounidense Boeing, cunhas ventas de 30.500 millóns (21.843 millóns de euros).