O líder do PP en Galiza prognostica que o seu partido sacará o domingo "a mesma nota que o 1 de marzo".
"Os galegos saben que Galiza ten moito que dicir en Europa e saben que o PP será o antídoto contra o escaso nivel de negociación do Goberno Zapatero en Bruxelas e en Estrasburgo", insistiu Alberto Núñez Feijoo durante a súa intervención este xoves nun mitin do seu partido en Santiago.
Feijoo reclamou da súa militancia un "último esforzo" para acudiren ás urnas "a votar os principios do Partido Popular fronte á inconsistencia dos demais". "Mentres nós somos o partido da verdade, outros premian a Magdalena Álvarez que, logo de enganar coas datas do AVE, o PSOE prémiaa cun dos postos de saída da candidatura europea", reprochou.
"Ao igual que os galegos, o pasado 1 de marzo, rebeláronse e decidiron dar un portazo á soberbia e abrir unha nova etapa política, de esperanza, de confianza e de prosperidade", engadiu Feijoo, "España fará, tamén, o mesmo". "España está imbuída do mesmo espírito de rebeldía que deu a vitoria ao Partido Popular o 1 de marzo", asegurou. Por outro lado, prometeu que a súa formación colocará "os verdadeiros problemas dos galegos na axenda política de Europa".