Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O futuro da pesca

O PPdeG permite que siga adiante o despezamento de 46 pesqueiros de altura

O grupo parlamentario rexeitou unha iniciativa do BNG apoiada polo PSdeG para evitar a posta en marcha dos Plans de Adaptación da Frota.

Redacción - 18:20 04/06/2009

O PPdeG rexeitou unha iniciativa do BNG apoiada polo PSdeG que pedía que non se aprobasen os plans de adaptación da frota (PAF) promovidos pola patronal dos armadores, Cepesca, e que provocarán o despezamento de 46 barcos de altura e de grande altura.

O voceiro popular de Pesca, Xosé Manuel Balseiro, alegou que a súa formación defende os PAF polo feito de que eliminarán "unidades non rendíbeis", reducirán as paradas temporais e mellroarán o reparto das cotas pesqueiras. Tamén defendeu os despezamentos porque garanten "un abandono da actividade de maneira digna". Tamén negou que se vaian despezar buques de menos de 10 anos "como se trata de enganar a xente agora".

O voceiro de Pesca do BNG, Bieito Lobeira, solicitou, nunha proposición non de lei, que non se dediquen fondos "concibidos como morfina institucional" para despezar barcos e contribuír á "morte suave e paulatina do sector". Denunciou que "a prioridade pesqueira da Comisión Europea é o desmantelamento da frota".

Por iso, pediulles ao PPdeG e ao PSdeG que defendan unha "posición común" con respecto á reforma da Política Pesqueira Común para que a frota do país poida recuperar caladoiros e formar parte de acordos a caladoiros "vetados" para os galegos, como o de Grenlandia, e eliminar o principio de estabilidade relativa que permite que as capturas galegas supoñan o catro por cento do total da UE fronte ao 40% de Dinamarca, onde se triplicou a frota.

Pola súa banda, a voceira de Pesca do PSdeG, Marisol Soneira, condenou o apoio da Xunta aos PAF ao lembrar que supón "destruír 46 empresas" nun contexto de crise. "Cada posto de traballo no mar xera outros catro na terra. Multipliquen 46 embarcacións por 500 empregos", instou.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: