Despois de que Fomento bloquease a conversión en porto comercial deste peirao, situado en San Cibrao (A Mariña), vólvese recuperar unha demanda dos comerciantes lugueses.
O presidente de Portos de Galicia, Xosé Manuel Álvarez Campana, asegurou esta cuarta feira no Parlamento que o organismo que preside ten a intención de elaborar un estudo sobre as instalacións e investimentos precisos para que o dique norte do porto de Alcoa, no Concello de Xove (A Mariña), se abra ao tráfico marítimo xeral.
Álvarez Campana respondía deste xeito a unha pregunta feita polo deputado do PPdeG, Xosé Manuel Balseiro, concretando, alén disto, que o proxecto deseñado hase empregar para defender, nas negociacións que o Estado -a entidade Ferrol-San Cibrao pertence a Portos do Estado-, manteña coa multinacional estadounidense Alcoa, que ten a súa concesión deste peirao até o ano 2023.
Para defender a apertura ao tráfico marítimo xeral do dique norte de Alcoa, Álvarez Campana dixo que os usos do porto serían compatíbeis coa actividade industrial da transnacional, e argumentou que unha medida destas características tería "unhas vantaxes considerábeis para a economía" da Mariña e de toda a provincia de Lugo. Polo seu lado, o popular Balseiro sinalou que o emprego do dique norte non suporía un investimento moi elevado, xa que a infraestrutura xa existe, e só sería preciso adaptala.
Unha petición unánime dende Galiza que foi paralizada en Madrid
A petición de abrir ao tráfico xeral o dique norte de Alcoa -a empresa só emprega, na actualidade, o dique sur-, aprobouse por unanimidade no Parlamento en 2008, e a Xunta promoveu, en Madrid, as negociacións entre o Ministerio de Fomento e a multinacional. Porén, aínda non comezaron os contactos.
En setembro do ano pasado, a Comisión de Fomento do Congreso español aprobaba, por unanimidade, e a instancias dunha pregunta do BNG, solicitarlle ao goberno do Estado que encetase as conversas con Alcoa. E, aínda que naquela altura Fomento prometía comezar a negociar en tres meses, ninguén sentou na mesa cos estadounidenses neste tempo. No canto de encetar as negociacións, dende Fomento elaboraron un informe no que se sinala que "non existe demanda" na zona para un porto tal, e que "a oferta existente pode atender, en condicións axeitadas, o tráfico". A seguir tamén se pode ler, neste documento, que "en todo caso, a transformación (do dique norte do porto de Alcoa) suporía unha redistribución de tráficos entre portos, xerando problemas de sobre-capacidade naqueles nos que se poida producir desviacións de tráfico".