Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acusan o ente de "censura"

Queixas pola supresión na TVG dun programa sobre a crise das vacas tolas

O espazo "Caixa Negra", estreado hai pouco foi mudado polo filme "O xinete pálido" na mesma semana do relevo na dirección.

Redacción - 09:00 03/06/2009

"Se estiveramos de humor, diriamos que é toda unha ironía, pero non o estamos porque no programa previsto para esta noite facíase un repaso completo e plural duns dos feitos máis controvertidos que sucederon en Galiza recentemente: non vemos xustificado que se lles prive aos espectadores galegos de velo", apunta Fernando García Lesta, un dos veciños de Mesía entrevistado para o capítulo de "Caixa Negra" que este martes debera emitir a TVG. "Con todos os respectos a Clint Eastwood, a súa película podería emitirse en calquera outro momento", ironiza .

Segundo García Lesta a nova dirección da TVG "censurou" a emisión do programa sobre a crise das vacas tolas. Para o espazo foran entrevistados diversos veciños de Mesía e tamén algúns dos responsábeis políticos da Xunta naquela época. "Os que tomaron a decisión do enterramento de vacas nunha canteira de Lanzá", recordan, "algún deles ostenta de novo cargos de responsabilidade no goberno autonómico de Núñez Feijoo".

A nova dirección di querer evitar "xornalismo amarillista"
"A Caixa Negra é un espazo de reportaxe televisiva inspirado nun formato de éxito en Euskadi, na ETB, traído a Galiza e coproducido pola produtora Filmanova para a TVG. "Parte dunha situación determinada que causou un impacto social especial no pasado e que agora revive, despois dun tempo, xunto aos seus protagonistas, analizando os feitos co sosego que dá a distancia e coa experiencia e reflexión dos anos transcorridos", expoñen sobre o programa na propia web da TVG.

Conducido polo xornalista Fernando González 'Gonzo', emitiranse até o de agora dúas pezas. No primeiro capítulo, a Caixa Negra estreaba lembrando a Operación Nécora, analizando polo miúdo aquel relevante episodio da loita contra o narcotráfico en Galiza. No segundo capítulo, o programa remontouse ao 5 de decembro de 1987, cando o cargueiro de bandeira panameña Casón naufragou na Costa da Morte.

(Actualización 11h) Consultada por Vieiros, a TVG remítese a idénticas explicacións ás xa dadas a un medio de ámbito estatal, El País. Así, o equipo directivo expresa a súa intención de evitar un "xornalismo amarillista" que transmita a idea dunha "Galiza negra". Por outro lado, consideran que o programa podería "molestar" o sector agrogandeiro nun momento en que xa sofre de problemas como "a crise láctea ou a gripe porcina". Con todo, afirman desde a TVG que non descartan que o programa poida emitirse no futuro.


4,67/5 (24 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: