Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Nove meses de cárcere por, supostamente, agredir un axente

A CIG ve a sentenza contra Pintos coma un "intento de coaccionar a liberdade sindical"

O secretario comarcal en Ferrolterra, X. Anxo López Pintos, foi acusado de participar activamente nos enfrontamentos que se produciron entre os axentes e as mariscadoras en Mugardos, en 2001.

Redacción - 17:54 02/06/2009

O secretario comarcal da CIG en Ferrolterra, Xesús Anxo López Pintos, anunciou esta terza feira que ha recorrer ante a Audiencia Provincial da Coruña a sentenza que o condena a nove meses de prisión por unha suposta agresión a un axente da policía autonómica, ao considerar que non responde á realidade, e que se trata dun "intento de coaccionar a súa liberdade sindical".

O xulgado do Penal número 2 considerou probado que López Pintos "é autor criminalmente responsábel" dun "delito contra axentes da autoridade" e outro de lesións, por, supostamente, ter agredido cun croio a un policía durante os enfrontamentos entre os axentes e as mariscadoras, producidos en Mugardos en 2001, no marco do conflito entre as traballadoras e a patroa maior da confraría naquela altura, Oliva Bonome.

"Esta sentenza pretende anular, pola vía xudicial, unha persoa"
"Xesús Anxo López Pintos non é ningún delincuente", asegurou o propio sindicalista para encetar unha conferencia de prensa na que se trataba o seu caso. A seguir, López Pintos engadiu que "hai un intento de parar e coaccionar o labor sindical da CIG", e afirmou que, pese a sentirse baixo presión, non vai renunciar "á defensa dos traballadores". Nesta liña, insistiu en que nunca agrediu a policía, e que, pola contra, tanto el coma varias mariscadoras resultaron lesionadas durante aquel altercado.

Na súa quenda, o secretario de organización da CIG na comarca, Francisco Cartelle, engadiu que "non é casual esta sentenza na figura dun sindicalista", xa que, "ante as leis laborais que favorecen os empresarios, a xustiza non actúa". Ademais de sinalar que este sentenza "pretende anular, pola vía xudicial, unha persoa", Cartelle dixo que dende a central sindical non van "cesar na defensa dos intereses dos traballadores, aínda que teñamos que estar nos xulgados".


Ligazóns

5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: