Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN BONN

Na procura dun protocolo que substitúa a Quioto

Comeza con discrepancias entre países ricos e pobres a ronda negociadora para preparar a Conferencia Mundial sobre Mudanza Climática que se celebrará en decembro en Copenhague.

Redacción - 14:00 02/06/2009

A conta atrás para Copenhague está en marcha. Máis de tres milleiros de expertos de todo o planeta reúnense estes días en Bonn (Alemaña) na procura dun texto que sirva de base a unhas negociacións que xa se prevén difíciles. De comezo, tanto os países ricos como os pobres criticaron o primeiro esbozo do protocolo que substituirá a Quioto, se ben ambos o aceptan como punto de partida para o debate que se prolongará durante os vindeiros seis meses, xa que a Conferencia Mundial sobre Mudanza Climática celebrarase en decembro.

Entre as propostas está a suxestión de que os países ricos adiquen un dous por cento do seu Produto Interior Bruto (PIB) para axudar aos países pobres a lidar coas alteracións climáticas. Isto non contenta nin aos delegados da Unión Europea nin aos Estados Unidos. Con todo, os primeiros xa adiantaron que "o feito de que o texto inicial sexa criticado por todos pode significar que é un documento equilibrado". Para os estadounidenses, o futuro protocolo inclínase a favor dos intereses dos países en desenvolvemento e lamenta que non teña un preámbulo onde estea escrito que todos os países terán que loitar contra as alteracións climáticas.

Futuro e expectativas
Sexa como for, a xuntanza marca unha nova fase nas negociacións iniciadas en Bali, en decembro de 2007, ante a próxima data de expiración do Protocolo de Quioto, que perderá validez ao remate de 2012. Urxen novas ideas para un novo tratado climático das Nacións Unidas e os expertos agardan encher os espazos brancos con compromisos de todas as partes.

Con todo, quen o ve máis negro son os centos de activistas de Greenpeace e outras organizacións ecoloxistas que xa protestaron fronte as portas desta xuntanza preparatoria contra a falta de vontade dos líderes mundiais. Así as cousas, o éxito deste cumio depende, en boa parte, do compromiso que adquiran Estados Unidos e China, os países máis contaminantes do mundo, na redución das emisións dos gases causantes da mudanza climática.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Deu comezo en Bonn a convención sobre mudanza climática preparatoria para Copenhague
Deu comezo en Bonn a convención sobre mudanza climática preparatoria para Copenhague
O protocolo de Quioto expira en 2012, polo que urxe un novo documento que estabeleza formas de actuar contra a mudanza climática
O protocolo de Quioto expira en 2012, polo que urxe un novo documento que estabeleza formas de actuar contra a mudanza climática