Pilar Farjas criticou a Lei do Aborto creada polo goberno español, dicindo que "adolece de criterio xurídico e médico" e "non responde á demanda".
A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, asegurou que o anteproxecto de Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e Interrupción Voluntaria do Embarazo (IVE) que promove o goberno español "adoece de transparencia ou calidade democrática", así como de "criterio xurídico o médico", e "non responde á demanda social". Así o sinalou este domingo, en declaracións aos medios, recalcando que a reforma da Lei do Aborto "non estaba recollida nas propostas electorais do PSOE", polo que, segundo dixo, "dá a sensación de que non quixeron incluílo en campaña polo impacto negativo na cidadanía".
Farjas tamén criticou que esta reforma sexa impulsada por Igualdade, e non por Xustiza ou Sanidade, e comentou que o anteproxecto de lei "non afronta o problema meirande" que, segundo dixo, "é a falta de control sobre a interrupción do embarazo". Nesta liña tamén criticou outros aspectos do proxecto, que dixo "ten gravísimos interrogantes", como a idade que se recolle para abortar que "lles roubaría potestade aos pais".
"Profundo fracaso das políticas de educación sexual"
Após criticar tamén que esta reforma non potencia o papel da familia, Farjas sinalou que esta "liberación total do aborto e da pílula postcoital sen criterio médico" recoñece o "profundo fracaso das políticas de educación sexual" do goberno español.
Nesta liña dixo que a mensaxe que se lles traslada aos adolescentes de que "non pasa nada", "que ao día seguinte vas e tomas a pílula ou abortas", é froito dunhas políticas "fondamente machistas e con falsa progresía".
"O Sergas valorará a dispensación da pílula"
Nesta liña, a conselleira de Sanidade dixo que está a agardar en que se concreta esta reforma, e tamén a dispensación sen receita da chamada pílula do día despois, que, segundo dixo, "carece de criterio médico ou sanitario".
Así, Farjas sinalou que en Galiza o Sergas ha actuar "en consecuencia", se se trata finalmente dun medicamento de venda libre, e "valorará a súa dispensación a través do Sistema Nacional de Saúde", aínda que, matizou, "esta decisión vai en contra das políticas de educación sexual".