Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Campañas na rede

"Non pagues polo coche do veciño"

Diversos colectivos poñen en dúbida a eficacia dos apoios directos ao sector da automoción e reclaman investimentos en transporte público.

Canal Solidario - 10:50 24/05/2009

"As axudas á venda de máis coches non son eficaces desde o punto de vista económico, senón que son a metade de eficaces á hora de crear postos de traballo que os investimentos en transporte público e manteñen a dependencia do coche e as súas emisións", expoñen desde Greenpeace.

É por iso que a entidade lanza unha ciberacción, coa que convidan a escribirlle ao ministro de Industria e ao presidente da Xunta, para pedirlles que non gasten o diñeiro dos cidadáns en comprar máis coches. Solicitan así que toda axuda ou medida de apoio se faga en referencia a vehículos que emitan menos de 110gCO2/km, para que a industria se adiante ás obrigas da Directiva Europea en materia de eficiencia no uso de combustíbeis dos turismos.

Así mesmo, piden a posta en marcha dunha fiscalidade verde que internalice os custos ambientais dos vehículos, primando automaticamente os máis eficientes e menos contaminantes. Ademais, reclaman axudas para os cidadáns que desexen desfacerse do seu coche e pasar a medios menos contaminantes.

Usuarios de bicis reclaman axudas
A coordinadora ConBici, que agrupa 47 asociacións tanto no Estado español coma no portugués, reclama a concesión dunha axuda á compra de bicicletas similar á dos coches, que ben podería ser do 33% do custo da bicicleta, sen que iso supoña un gasto público comparábel ao das axudas que se conceden á compra de coches.

Ademais, solicita tamén a aplicación dun tipo de IVE reducido á venda de bicicletas, así como aos produtos relacionados e aos servizos de reparación das mesmas, o que impulsaría, segundo sinala a entidade, o uso deste vehículo. Reflexionan desde Con Bici que "a dependencia do automóbil privado é unha das causas da crise económica, pero o goberno español non é capaz de aproveitar a ocasión, para, cando menos, darlle as mesmas oportunidades a outros medios de transporte máis beneficiosos para as nosas cidades, como poden ser a bicicleta ou o ferrocarril".

Así mesmo, piden a adopción dunha política de impulso á bicicleta nas cidades a nivel estatal, que inclúa planificación e normativa específica.


Ligazóns

4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: