A Xunta defende que a iniciativa combate a "tráxica herdanza económica". O PSOE prognostica unha "escasa ou nula incidencia" da medida.
"Imos reducir no 50% os dous impostos autonómicos que gravan a adquisición de vivendas, o imposto de transmisións patrimoniais e o imposto de actos xurídicos documentados", explicou Alberto Núñez Feijoo novamente este xoves, "e ímolo facer en beneficio das familias numerosas galegas, máis de 67 mil, e en beneficio dos maiores de 18 anos e menores de 36 anos, máis de 330 mil".
Segundo as contas do Goberno a rebaixa fiscal prevista permitiría que arredor de 500 mil galegos se beneficien da iniciativa deseñada, di Feijoo, "para loitar contra a tráxica herdanza económica". A Xunta proxecta que esta rebaixa fiscal nos impostos que gravan a compra dunha vivenda se aplique a todas as operacións, sexa primeira adquisición de vivenda, ou outra adquisición. "Non só se vai beneficiar o que compra por primeira vez unha vivenda, senón que tamén se beneficia o que cambia esa vivenda, sempre que esa vivenda que cambia se dedique exclusivamente a vivenda habitual", aclarou o presidente, definindo a reforma de "xustificada, necesaria, posíbel e solidaria" e recordando que se trata dun recorte fiscal "excepcional e por tanto temporal".
"Nula eficacia", agoira o PSdeG
"Non parece razoábel pensar que os 500 mil galegos de entre 18 e 36 anos que sinala Feijoo vaian adquirir agora unha vivenda de segunda man", ironizaba Abel Losada, voceiro de Economía e Industria do grupo parlamentario do PSdeG, ao fío da iniciativa proposta pola Xunta. Di o voceiro socialista que se trata dun exemplo de "política-ficción" que na práctica terá "escasa ou nula influencia".
En opinión de Losada trátase dunha "manobra de distracción que agocha un novo incumprimento das propostas electorais do PP". Segundo os socialistas, o proxecto chega para ocultar o incumprimento do compromiso electoral de Feijoo de rebaixar o IRPF e o imposto de sociedades.