O informe, encargado pola Asemblea das Rexións Europeas, recomenda delegar competencias en institucións autónomas, máis próximas á cidadanía.
Os estados europeos que teñen a lexislación, o ensino e os impostos desentralizados tenden a funcionar economicamente mellor ca os centralistas, segundo un informe suízo. "O centralismo bate o desenvolvemento dos países a custa da cidadanía", asegurou Klaus Klipp, secretario da Asemblea das Rexións Europeas, na presentación do informe, este luns.
O estudo, que elaborou o centro de investigación BAK, mediu o impacto da descentralización na economía, ademais da calidade da educación e da innovación en 26 estados europeos, incluídos os non-membros Suíza, Noruega e Croacia e excluíndo os comunitarios Luxemburgo, Eslovenia, Chipre e Malta, polo seu pequeno tamaño.
Segundo informa EUObserver, a clasificación de estados máis centralistas encabézaa Bulgaria, seguida das repúblicas bálticas, Grecia, Croacia, Noruega, Irlanda, Dinamarca e Francia. Do outro lado están Suíza, Alemaña, Bélxica, o Estado Español, Austria e Italia.
Tivéronse en conta factores como se o funcionariado depende de autoridades estatais ou rexionais, se a universidade ou as gardarías se deciden na capital estatal ou nas áreas autónomas e se os impostos se fixan centralmente ou a niveis rexionais e locais.
A conclusión foi que a descentralización ten un impacto positivo tanto na renda per cápita como no crecemento económico, aínda que moitos estados membros están relativamente centralizados e medraron moito na última década. Pero os autores din que se estas economías terían avanzado máis se descentralizasen as súas competencias.
Tamén é maior o avance en efectividade universitaria nas zonas descentralizadas, e os políticos están máis conectados cos seus votantes, segundo o mesmo informe.
Aínda que esta teoría non é nova, os académicos suízos asegura que por primeira vez se pode probar cientificamente o feito de que a descentralización mellora as condicións de vida da cidadanía.