Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN, Nº 6 DE I. INTERNACIONALISTA

"Asustoulles que houbese unha lista de esquerda real en todo o Estado"

O escritor advírtelle ao goberno que a ilegalización "volverase contra el, coma un boomerang".

M.S.P. - 11:23 16/05/2009

A primeira hora da mañá dámoslle a Ferrín na súa casa a confirmación do que o venres pola tarde era xa un feito: a decisión do Tribunal Supremo de anular a lista de Iniciativa Internacionalista para as Eleccións Europeas, na que o escritor concorre como número 6. O poder xudicial entendeu que existen vínculos entre a candidatura e a ilegalizada Batasuna, con argumentos como que o seu número un, o dramaturgo madrileño Alfonso Sastre, foi nas listas da coalición abertzale cando era un partido legal (velaquí os efectos retroactivos da Lei de Partidos) ou que outros candidatos participaron en actos organizados por Batasuna. Así pois a lista, na que se integraron partidos e persoas de esquerda de todo o Estado, dende Andalucía e Cataluña, pasando por Madrid e Galiza, e dende Corriente Roja a Izquierda Castellana, non poderá presentarse aos comicios do 7 de xuño.

"É unha derrota para a ética democrática e un triunfo para a España da Santa Inquisición. Os que íamos nesa lista non tiñamos pureza de sangue", di Ferrín, que incide no que xa adiantou o venres pola tarde: "Esta non é a lista de Batasuna e a decisión de anulala non ten que ver só co problema vasco: Ao poder asustoulle moito que houbese unha candidatura de esquerda real en todo o Estado, anticapitalista e anti Unión Europea, e que ademais defendese o dereito de autodeterminación dos pobos". Simbolicamente, ademais, di Ferrín, resultaba moi ameazador para o Goberno que a lista non fose vasca e que estivese encabezada por un madrileño, "castizo, ademais".

Hai opcións aínda para que Iniciativa Internacionalista concorra ás eleccións? Pódeselle dar a volta a isto? "A volta? Hai que darlle a volta ao réxime español", contesta o escritor, que lle advirte ao goberno de Zapatero que esta decisión se pode volver na súa contra, "coma un boomerang". "Este é un movemento que xa está está en marcha, hai que estar moi atento ao que vai saír de Corriente Roja, ou do novo sindicalismo en Andalucía e Asturias". "E está en marcha tamén", continúa Ferrín, "un movemento internacional de solidariedade con Izquierda Internacionalista. Alfonso Sastre fíxolle moito dano ao franquismo coas cartas públicas contra a tortura que animou a escribir a intelectuais de todo o mundo".

Xosé Luís Méndez Ferrín presentará esta tarde en Vigo xunto con Doris Benegas (nº 2 da lista) a candidatura (agora ilegalizada) de Iniciativa Internacionalista. Será no Hotel Junquera (Rúa Uruguai, 19-21) a partir das cinco da tarde. Mañá domingo, a pesar de asinar o manifesto a prol da igualdade de dereitos para o galego e de apoiar activamente a manifestación en defensa da lingua a través das Redes Escarlata, non poderá estar en Compostela, polos seus compromisos como Académico da RAG, que o levarán aos actos institucionais de Láncara, "teño que estar alí, moito máis agora que a Academia se manifestou da maneira que eu sempre entendín que o tiña que facer".


4,9/5 (42 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: