Foi extraditado na madrugada da segunda para a terza feira. O Tribunal Supremo deu a pasada sexta feira luz verde á súa expulsión.
John Demjanjuk, sospeitoso de ter servido como garda de prisións no campo de morte nazi de Sobibór -na actual Polonia-, durante a II Guerra Mundial, foi levado nunha ambulancia da súa casa, en Cleveland, no estado de Ohio, para ser deportado a Alemaña, onde está acusado de complicidade na morte de 29 mil xudeus.
Segundo o xornal Cleveland Plain Dealer, Demjanjuk, de 89 anos, foi levado ao edificio dos servizos de inmigración, na capital do Estado, de onde partiu con destino a Munich. Horas antes, o seu fillo máis vello garantiu que a familia non vai desistir da batalla legal contra a súa extradición, mesmo se esta finalmente se cumpre, e acusou as autoridades de someter a seu pai, ancián e doente, a un "tratamento inhumano".
No segundo lugar na lista de criminais nazis máis buscados
Esta terza feira había chegar a Alemaña, e agárdase que as autoridades do país europeo o sometan a xuízo pola súa suposta colaboración no Holocausto, participando na morte de milleiros de xudeus ao conducilos do tren á cámara de gas, segundo sinalou a Fiscalía dos EUA e o tribunal alemán que pediu a súa deportación. Hai tres días que o Tribunal Supremo dos EUA deu vía libre á súa extradición, despois de que o pasado 14 de abril Demjanjuk fora detido e sacado en cadeira de rodas de súa casa en Cleveland, Mais daquela, conseguira evitar in extremis a deportación prevista tras a súa detención, grazas ao inmediato pronunciamento dun tribunal de apelacións.
Demjanjuk, de orixe ucraína, e ao que varios xudeus superviventes do exterminio nazi o identificaron como o operario das cámaras de gas deste campo en Polonia, mudouse aos EUA terminada a Segunda Guerra Mundial, e estabeleceuse en Cleveland, onde traballaba nunha empresa automotriz. O ex garda nazi foi extraditado a Israel en 1986, para ser xulgado polos crimes que cometeu durante a II Guerra Mundial, cando tiña 22 anos. O tribunal condenouno a morte, porén, en 1993 se revogouse a sentenza ante o Tribunal Supremo israelí, xa que se presentaron probas que identificaban outro home como o encargado do gas do campo de Sobibór, e Demjanjuk volveu aos EUA.
Este ucraíno figuraba no segundo lugar na listaxe dos 10 nazis máis buscados do Centro Simon Wiesenthal. O primeiro é o doutor Aribert Heim, coñecido coma doutor Morte, de 93 anos, acusado en Alemaña de centos de asasinatos no campo de concentración de Mauthausen. Nada se sabe de Heim desde a súa desaparición en 1962.