Un estudo revela que os individuos que viviron até hai 17 mil anos na illa indonesia non sufrían unha patoloxía, senón que evolucionaron.
Un novo estudo sobre o denominado 'home de Flores' ou mesmo 'hobbit' revela as súas peculiares características, que se poden explicar polo seu illamento do resto da humanidade durante miles de anos na remota illa indonesia.
O descubrimento desas pequenas persoas, de menos dun metro e estatura, deixou desconcertados os científicos no ano 2004. As primeiras probas determinaron que os ósos descubertos nunha cova da illa de Flores formaban parte dunha especie que vivira nesa zona durante milenios, até a súa extinción, hai uns 17 mil anos.
Segundo os últimos estudos, o Homo floresiensis tiña grandes pés planos, con longas dedas que lles permitían andar sobre dúas pernas mais non correr. Outra investigación amosa que tiñan cabezas pequenas, aínda que proporcionadas co resto do corpo.
Outros dous estudos publicados na revista Nature amosaban dúbidas sobre a idea de que esa especie fose en realidade un grupo de persoas con algunha patoloxía. Porén, agora hai poucas dúbidas de que eses 'hobbits' si eran unha especie humana que evolucionou como resultado do 'ananismo insular', un fenómeno que fai que os animais que viven en illas vaian reducindo o seu tamaño durante xeracións.
Así o asegura o profesor Bill Jungers, da universidade de Stony Brook (Nova York, EUA), que estudou os ósos dos pés destes seres: "o noso estudo confirma de xeito inequívoco que se trata dunha nova especie. Xa rematou o debate sobre a patoloxía".