O escritor galego, un dos promotores de Greenpeace a nivel estatal, é premiado polo seu compromiso coa defensa ambiental.
Unha lancha do tipo zodiac sobre unha onda é a representación da estatuíña que quere expresar o espírito de Greenpeace, "as accións directas non violentas para defender o ambiente". Foi a imaxe escollida para o premio Artemio Precioso, e o escritor e xornalista Manuel Rivas é a primeira persoa en recibilo.
A entrega realizouse esta fin de semana, nun acto onde se recordou a implicación activa d'O Rivas no ecoloxismo a nivel estatal, incluída a súa participación na fundación da delegación de Greenpeace no Estado Español. A asociación tamén quixo lembrar que a voz de Manuel Rivas se escoitou forte e no primeiro plano durante os días escuros da catástrofe do Prestige, ao abeiro da Plataforma Nunca Máis.
O premio leva o nome dun dos pioneiros do ecoloxismo no conxunto do Estado, o activista Artemio Precioso (1917-2007), albaceteño exiliado en Rusia logo da Guerra Civil e trasladado a Praga posteriormente, onde foi catedrático de Macroeconomía. De volta no Estado Español na década dos 60, fundou o Centro de Estudos Socioecolóxicos, axudando a formar persoas en economía ambiental. Foi presidente honorario de Greenpeace até a súa morte hai dous anos.