Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DE 17 ANOS DE XESTIÓN POLÉMICA

Unión Fenosa foxe de Sogama para eludir un investimento de 200 millóns

En 2005, a eléctrica estivo a piques de venderlle a Urbaser a súa parte na sociedade  pública.

R.V. - 12:30 08/05/2009

Logo de 17 anos de sociedade con Xunta, Unión Fenosa pon no mercado o seu 49% de participación en Sogama. Mais, segundo puido saber Vieiros, non é a primeira vez que a eléctrica, agora en mans de Gas Natural, intenta saír de Sogama. A mediados de 2005, Unión Fenosa tiña practicamente pechado un acordo con Urbaser, unha das empresas españolas máis potentes na xestión de residuos. Porén, no último minuto Florentino Pérez, propietario de Urbaser, recuou. A razón era evidente: xa lle tiña o ollo botado a Unión Fenosa e a compra xa non era necesaria.

Unión Fenosa abandona Sogama nun momento que é xa inaprazábel un investimento nas diferentes instalacións da sociedade (complexo de Cerceda e plantas de transferencia) que fontes consultadas por Vieiros cifran en perto de 200 millóns de euros.  A isto hai que sumar os escándalos nos que se viu implicada a eléctrica. O Consello de Contas denunciou que Sogama beneficiaba a empresas de Unión Fenosa á hora de facer subcontratas. A raíz daquel informe, a sociedade pública variou a política de contratación.

Unha sociedade sumida nunha profunda investigación xudicial
A xustiza tenlle posta a lupa a Sogama. As irregularidades nos contratos denunciadas polo Consello de Contas, os vertidos continuos, a falsificación de analíticas ambientais, os casos de presunto enchufismo laboral, o depósito ilegal de medicamentos, son algúns dos episodios máis turbios dunha sociedade que fai augas dende o seu nacemento. O que comezou como unha investigación puntual por un vertido ao río Lengüelle ten visos de rematar nun macroproceso xudicial de incalculábeis consecuencias que pode afectar tanto á xestión do bipartito como á do PPdeG.


4,67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: