O MARM pediulle ao Executivo galego que traballe coordinado con todos os actores implicados na crise que vive o leite no país.
O secretario de Estado de Medio Rural e Auga, Josep Puxeu, instou o Goberno de Feijoo a que asuma as súas competencias e, ao igual que o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM), traballe "de xeito coordinado co sector", para mellorar e saír desta situación do xeito máis inmediato posíbel".
O departamento da ministra ourensá Elena Espinosa, respondeu así ás críticas do presidente galego, Alberte Núñez Feijoo, que responsabilizara o goberno español da "grave situación" do sector lácteo en Galiza, reprochándolle a súa "pasividade".
Puxeu tamén lle lembrou a Feijoo que, na actualidade, "están enriba da mesa as medidas comunitarias" e un plan estratéxico impulsado polo goberno español, que na actualidade está "en discusión" en canto ás cuestións referidas á "calidade". Nesta liña, o secretario de Estado de Medio Rural e Auga lembrou que en breve hase desenvolver unha xuntanza cos presidentes autonómicos e con todos os axentes do sector, para traballar en vieiros que consigan "reactivar os prezos do mercado da forma máis rápida posíbel".