Difundiron un comunicado conxunto coas cooperativas no que expresan o seu temor a que a inseguridade laboral se espalle por todo o sector.
Planta de Pascual
As principais centrais sindicais que operan no rural (UU.AA, SLG e XX.AA) e as cooperativas integradas na AGACA emitiron este mércores un comunicado conxunto en referencia ao expediente de regulación de emprego anunciado por Pascual. Na nota critican a actitudes dos gobernos no marco das actuais políticas agrarias e expresan a súa solidariedade cos traballadores da factoría de Outeiro de Rei que ven perigar os seus postos de traballo.
Cualifican no texto o ERE anunciado por Pascual como "unha consecuencia clara das intencións da distribución multinacional, coa conivencia dos gobernos". Falan de produtoras e produtores como principal vítima desta tendencia porque os obriga a vender o leite "pola metade do seu custo, baixo estratexias como o envasado en marcas brancas propiedade destas mesmas multinacionais".
Ademais, recoñecen na inseguridade laboral dos traballadores de Outeiro de Rei unha tendencia que pode sacudir ao resto das pezas que compoñen o sector leiteiro do país. Así afirman que as 13.000 explotacións que hai hoxe "teñen moi comprometido o seu futuro", algo que se amplía aos milleiros de empregos que dependen deste sector.
O BNG pídelle ao Goberno a elaboración dun Plan Lácteo
O Bloque Nacionalista Galego esixe ao executivo de Núñez Feijoo que comece a traballar na aplicación dun Plan Lácteo, recordándolles que a medida anunciada para a factoría de Outeiro de Rei "vai contra a liña de traballo prioritaria do Goberno de combater o paro como máxima prioridade e recuperar a senda da creación de emprego".
O PP culpa o goberno estatal
O Partido Popular tamén emitiu un comunicado no que afirma que a actual situación "é unha consecuencia directa da pésima negociación do vixente sistema de cotas" que realizou o goberno estatal. Ademais criticaron a ourensá Elena Espinosa, actual ministra de Medio Rural, á que chaman "renegada" por unha actitude que cualifican como "insensibilidade co agro galego".