A compañía de Guiné Bissau representará 'Desejo da mae'.
O Grupo de Teatro do Oprimido de Guiné Bissau foi creado en abril de 2004 como instrumento de comunicación e toma de consciencia da realidade, a través dun convenio entre a Uniao Nacional dos Deficientes Motoras Vitimas de Guerra (UNDEMOV) e o Servizo Alemán para a Paz Mundial (WFD). Trátase dun dos grupos africanos do programa de formación 'Teatro do Oprimido do Ponto a Ponto', promovido polo Centro do Teatro do Oprimido do Brasil. Entre as principais actividades do grupo hai que salientar os espectáculos teatrais dirixidos a concienciar á poboación sobre temas como a Sida ou a guerra, e os obradoiros de formación en teatro fórum. De feito, aproveitando esta primeira visita do grupo á Galiza (tamén actuarán na MITEU de Ourense), ao rematar a función desenvolverase un coloquio cos actores e actrices.
A obra que presentan é Desejo da mae. Houbo unha meniña linda, á que lle gustaba a escola e pasaba todo o tempo a estudar. A nai tiña esperanza en que un día ela puidera ser unha Doutora. Ela tiña un mozo, pero a nai non o sabía. O rapaz tiña moitas mozas en diferentes barrios de Bissau, por iso a amiga da meniña sempre lle aconsellaba usar o preservativo. Ela estaba disposta pero o mozo usaba o seu poder, e sempre a convencía de non usalo. Ao final, caeu na tentación e colleu unha doenza. A nai púxose furiosa coa enfermidade da filla e levouna ao Hospital e, sen esperar o resultado médico, recurriu novamente ao Djambacus (Feiticeira).
A obra de Artur Schnitzler, interpretada por Buia Baldé, José Carlos Lopes Correia, Serando Camara Baldé, Edita da Silva e Braima Edy Sambú, estará na Sala Nasa de Compostela o xoves 7 a partir das nove e media.