Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A crise estenderase no tempo

A Eurocomisión eleva o agoiro de paro no Estado ao 20,5% en 2010

O prognóstico non só é peor ca o do goberno español, FMI ou Banco de España, senón que advirte que non incorpora á previsión os graves datos do último trimestre.

Redacción - 19:15 04/05/2009
O eurocomisario de Economía, Joaquín Almunia

O eurocomisario de Economía, Joaquín Almunia

A Comisión Europea prognostica que a economía do Estado Español vai sufrir unha contracción en 2009 de até o 3,2% e que en 2010, o crecemento negativo aínda estará no 1%. Á beira, o agoiro que o executivo europeo realiza sobre a evolución do desemprego fala dunha taxa do 20,5% para o vindeiro exercicio.

Unha previsión que chega ademais con advertencia: co estudo xa pechado a Comisión soubo da publicación da última estatística de desemprego, cifras que cualifican de "sorprendentemente forte redución", o que fai pensar que de ter manexado eses datos, o agoiro para o Estado Español podería ser incluso peor.

Considera a Comisión Europea que o déficit público vaise disparar durante os próximos meses até case o 10% do PIB en 2010, ben por riba do 3% que fixa como límite o Acordo de Estabilidade E Crecemento. Ao tempo, destácanse os "desequilibrios" do escenario económico, chamando a atención sobre a baixa competitividade, o elevado déficit por conta corrente e o afundimento do sector da construción.

Un dos peores escenario da UE
Os datos feitos públicos pola Eurocomisión indican que o Estado Español será con probabilidade un dos poucos con taxas de crecemento negativo en 2010, mesmo cando avanzado o ano comece a verse no conxunto da UE unha lixeira recuperación dos indicadores económicos.

Así por exemplo, o principal motor económico europeo, a economía alemá, caerá un 5,4% en 2009, pero volverá medrar o ano que vén, aínda que cun 0,3%. No Reino Unido, o prognóstico é de contracción do 3,8% este ano e crecemento do 0,1% en 2010. Entre as peores evolucións aparecen as da economía irlandesa, cunha contracción consecutiva do 9% e o 2,6% até 2010, e Letonia (-13,1%) e Lituania (-11%).


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: