Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Europa, Terra de Pobos: Flandres

Flamengos e valóns, 179 anos de enfrontamentos

As tensións actuais entre o veciño "rico" e o "pobre" remóntanse á fundación do Estado belga en 1830, co conflito lingüístico sempre presente.

Fernando Arrizado - 13:00 04/05/2009

Durante a Idade Media, Flandres era un centro neurálxico de comercio e referente en Europa no sector téxtil -as primeiras fábricas de tecidos de Galiza fundáronas flamengos exiliados. Porén, durante o S.XIX perdeu importancia económica en favor da máis industrializada veciña do sur, Valonia.

Un século despois, os flamengos volven ter unha economía puxante. Flandres concentra a maior parte da riqueza do Estado, baseada principalmente nas exportacións. De feito, ten a maior taxa de exportación per cápita no mundo.

Mentres, o tecido fabril dos valóns decae. Esta situación axuda a incrementar as tensións entre Flandres, "a rica", e Valonia, "a pobre", que xa dende a fundación do Estado belga en 1830, nunca foron amigábeis.

Conflito lingüístico

O francés, lingua das elites herdeiras da Ilustración, procurou asentarse durante todo este tempo alí onde o flamengo era a lingua popular, nun territorio cunha identidade propia que chegou a ser o equivalente ao que agora coñecemos como Estado independente. Porén, as clases máis desfavorecidas na actualidade, isto é, os inmigrantes de orixe africana, falan principalmente francés.

Os valóns consideran que existe un plan para eliminar o uso do francés en Flandres fronte ás medidas de protección do idioma flamengo, considerado tradicionalmente como "lingua B" fronte ao francés.

Algunhas destas políticas de protección inclúen estabelecer o requisito de coñecer o flamengo para acceder a traballar nas gardarías públicas de Flandres, ou a exixirlles aos comerciantes que coloquen os prezos na lingua propia do país.

Mais a resistencia dos francófonos que viven en Flandres a aprender e utilizar o flamengo é teimuda. O neerlandés non se aprende nos centros de ensinanza de Valonia. Neste territorio, cada alumno ten que estudar dúas linguas estranxeiras, mais a maioría elixe o inglés como segunda lingua.

En troques, a maioría dos estudantes en Flandres aprenden un mínimo de tres linguas estranxeiras: francés, inglés e alemán, situación que se reflicte periodicamente nas estatísticas do informe PISA, onde os cativos flamengos ocupan sempre as primeiras posicións a nivel de toda Europa.

Correntes políticas
en Flandres
Politicamente, os principais partidos flamengos coinciden na necesidade de avanzar no autogoberno. As correntes políticas van dende o independentismo, isto é, a defensa da formación dun Estado flamengo; ao federalismo, que non renuncia ao Estado belga, mais avoga por mellorar o funcionamento das súas institucións; pasando polo confederalismo, que considera que son flamengos e valóns -e non o Estado por eles- os que deben decidir que competencias han de ter.

No primeiro grupo estarían os conservadores do N-VA e os ultradereitistas, sinalados como xenófobos, do Vlaams Belang ("Interese Flamengo"), que se converteron na segunda forza política nas últimas eleccións ao Parlamento flamengo. Ademais, unha pequena parte deste partido arela a unificación con Holanda para formar a coñecida como Grande Holanda ou Dietsland.

O segundo grupo, o dos federalistas, estaría integrado polo SP.a e, tamén en parte, polo CD&V e o Open Vld (e polos principais sindicatos). Por último, a camiño entre os primeiros e os segundos, situaríanse os que defende un Estado belga confederado, co SLP e os liberais de List Dedecker, á cabeza, mais que apoian tamén certos sectores do CD&V (demócrata-cristiáns), do VLD e mesmo do SP.a.

Os comicios de 2004, que son cada cinco anos, coincidindo coas europeas ao igual ca en Valonia, deixaron o seguinte reparto de escanos no Parlamento flamengo: CD&V/N-VA: 35 deputados; Vlaams Blok (actual Vlaams Belang): 32 deputados; VLD-Vivant: 25; Spirit (actual SLP)-SP.A: 25; Groen! (Os Verdes): 6; UF (Unión de Francófono de Flandres): 1.


4,92/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: