"Xeran débeda ilegal", critican desde a campaña Quen debe a Quen sobre os créditos FAD e CESCE ao tempo que emprenden a busca de apoios en contra deste sistema.
Acción da campaña 'Quen debe a Quen' diante do Congreso
Está previsto que, neste ano 2009, o goberno español presente no Congreso a reforma dos Fondos de Axuda ao Desenvolvemento (FAD) e da cobertura de risco empresarial a través da Compañía Española de Seguros de Créditos á Exportación (CESCE). As dúas ferramentas son cuestionadas por numerosas organizacións por, na súa opinión, antepor os intereses comerciais das empresas estatais ao desenvolvemento socioeconómico dos países do sur.
Neste contexto, a campaña pola abolición da débeda externa Quen debe a Quen puxo en marcha unha iniciativa de recollida de sinaturas para pedir a fin dos créditos FAD e CESCE. Segundo a entidade, a reforma que expón o executivo destas dúas ferramentas "causará máis endebedamento dos países empobrecidos e a violación dos dereitos humanos para a satisfacción dos intereses privados comerciais españois".
Entre as principais críticas aos créditos FAD e CESCE, Quen debe a Quen destaca que ambos xeran débeda ilegal e ilexítima, carecen de transparencia e de mecanismos de avaliación e seguimento, teñen impactos negativos nos países do Sur e beneficios para as transnacionais privadas, e son instrumentos que, tras xerar débeda noutros países, "permiten intervir as economías endebedadas en beneficio dos gobernos e empresas multinacionais dos Estados creditores".