Os socialistas recórdanlle a Feijoo que o sistema educativo galego "nunca prohibiu o uso do castelán" nas aulas.
Guillerme Meijón, voceiro en materia de Educación do grupo parlamentario do PsdeG, sinalou este mércores que o actual decreto do ano 2007, do mesmo xeito que o de 1995, "indican de xeito razoábel a conveniencia de que nas materias impartidas en galego sexa esta a lingua de uso habitual na aula". Indica Meijón que os dous textos coinciden en que nestes casos o galego ou o castelán usaranse tanto por parte do profesorado como do alumnado e "coa mesma sensatez, todos entendemos que as materias de lingua estranxeira serán impartidas no idioma da mesma".
Engade o deputado socialista que ambos os dous marcos legais, o anterior saído á luz co PP no Goberno, expoñen a conveniencia de empregar a lingua galega de xeito habitual, de forma que no texto de 1995 sinálase que "débese procurar que os alumnos e as alumnas a utilicen nas manifestacións oral e escrita”, e o actual decreto sinala que “o alumnado utilizará, con carácter xeral o galego nas manifestacións oral e escrita”. "A profesionalidade dos docentes, o sentido común e a sensatez do actual marco normativo son os que deben configurar situacións educativas adaptadas á realidade escolar", recomenda o voceiro do PSdeG.
"Non entendemos que pretende co anuncio dunha suposta circular en favor dunha libre elección do idioma que xa existe, polo que non indica nada novidoso", preguntouse Meijón. Segundo os socialistas, tal anuncio corresponderíase cun posicionamento do PP a prol de "impoñer e crispar á sociedade en materia de política lingüística, deixando claro que para eles bilingüismo harmónico tradúcese como bilingüismo de imposición e crispación". Meijón acusou o PP de non dubidar en "manipular e terxiversar o que acontece nas aulas con tal de elevar o conflito lingüístico aos niveis que lles conveñen".