En Galiza aínda se está a estudar o primeiro posíbel caso dunha persoa de Mos que volveu dunha viaxe de México.
A ministra de Sanidade e Política Social, Trinidad Jiménez, anunciou esta segunda feira que, de momento, mantense un único caso confirmado no Estado Español como infectado polo virus da gripe porcina. Trátase dunha persoa que está ingresada no Hospital de Almansa (Castela-A Mancha), mentres se amplía a 26 o número de pacientes "sospeitosos", que se manteñen en observación.
Tras reunirse, durante case tres horas, cos conselleiros de Sanidade das Comunidades Autónomas, nun Consello Interterritorial do Sistema Estatal de Saúde (SNS) extraordinario, desenvolvido na tarde da segunda, Jiménez concretou as últimas cifras de que dispón o seu departamento e negou as informacións que facilitaran previamente algúns conselleiros.
Os casos estudados polo de agora pertencen a Cataluña (10), Madrid (4), Andalucía (2), Baleares (2), Castela e León (1), Aragón (1), Asturias (1) Castela-A Mancha (1), Murcia (1), Euskadi (1), A Rioxa (1) e Galiza (1). Tamén hai que engadir un caso xa desestimado en Andalucía. Ningún dos pacientes, segundo Jiménez, está grave, incluíndo a persoa da que se sabe con certeza que ten o virus da gripe porcina, xa que todos eles "están respondendo ben ao tratamento que lles están a administrar".
Todos os casos "en observación" son de cidadáns que viñan de visitar México, país no que se orixinou a epidemia, e no que, de momento, se rexistraron os únicos falecidos.