Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Formulaba importantes problemas de execución"

Fomento mudou o trazado do TAV galego por ser peor cós existentes no Estado

O ministro Xosé Blanco designa o compostelán Xoán Ignacio Lema Devesa novo presidente de AENA. Manuel Ameijeiras, novo director de Aviación Civil.

Redacción - 18:30 24/04/2009

O ministro español de Fomento, Xosé Blanco, solicitou este venres comparecer no Congreso dos Deputados para explicar a súa decisión de modificar o trazado deseñado para a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Galiza e Zamora. Ademais, informará detalladamente do estado das obras en todo o corredor do TAV que unirá o noroeste peninsular coa meseta até Madrid.

Fomento explicou nun comunicado que o ministro, logo de recibir os informes técnicos encargados para tal efecto, decidiu cambiar o trazado aprobado no seu día por considerar que "formulaba importantes problemas de execución e explotación que impediría ofrecer un servizo de alta velocidade homologábel aos xa postos en servizo" no Estado.

Segundo Fomento, para construír a liña era preciso cortar o tráfico ferroviario durante a execución das obras, desviando os trens por Monforte, cun importante incremento de tempo de viaxe nestes traxectos. Ademais, o ministerio considera que o proxecto inicial condicionaría a velocidade máxima do tren de forma que non alcanzaría 200 km por hora na maior parte do percorrido.

Dende o ministerio aseguran que a solución que agora se ofrece conseguirá incrementar a velocidade de deseño até os 300 km por hora e, ao ser un trazado independente, evitará ter que interromper o tráfico e permitirá unha maior seguridade na execución dos traballos.

No entanto, ao tratarse de modificacións substanciais, é preciso que o ministerio de Medio Ambiente as autorice, emitindo a preceptiva declaración de impacto ambiental. Para axilizar os trámites, remitiuse con urxencia a consulta ambiental.

Neste senso, dende Fomento din que lle pedirán á Xunta "máxima celeridade" á hora de autorizar a modificación "para poder licitar a obra o antes posible".

Por outra banda, o goberno español autorizou a licitación das obras de instalacións de seguridade e telecomunicacións ferroviarias do tramo do TAV entre Soutomaior, Pontevedra e Portela, cun orzamento que ascende a 18.595 millóns de euros.

Presidente de AENA compostelán
Tamén se coñeceu este venres que o ministro Xosé Blanco designou o compostelán Xoán Ignacio Lema Devesa novo presidente de Aeroportos Españois e Navegación Aérea (AENA), entidade pública encargada da xestión segundo dos mesmos.

Lema Devesa, nacido en Santiago de Compostela, é enxeñeiro superior aeronáutico pola Universidade Politécnica de Madrid e licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade Complutense de Madrid. Na actualidade, e dende maio de 2001, formaba parte da empresa Grupo San José.

Con anterioridade, desenvolveu toda a súa carreira dentro do Ministerio de Fomento, ocupando postos diversos. Ingresou no Corpo de Enxeñeiros Aeronáuticos en 1983, entre 1992 e 1996 foi director do aeroporto de Barajas (Madrid) e entre 1998 e 2000 foi director de AENA.

Ameijeiras, director de Aviación Civil
O sector aéreo acolleu positivamente o nomeamento de Manuel Ameijeiras como novo director xeral da Dirección Xeral de Aviación Civil, que acordou o Consello de Ministros. O que dende 2004 era delegado do goberno español en Galiza é enxeñeiro superior aeronáutico e funcionario do Corpo de Enxeñeiros Aeronáuticos. Con anterioridade foi director do aeroporto de Santiago de Compostela e director de Obras de AENA.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: