Yahoo decidiu pechar o que, en tempos, foi o servizo máis popular de webs persoais de balde. As redes sociais, culpábeis da súa morte.
O xa mítico servizo de aloxamento gratuíto de webs GeoCities pasou á historia. O servizo, que se creou en 1995 e foi posteriormente mercado por Yahoo, deixou de aceptar novas altas este xoves. GeoCities xa quedara desfasado dende hai anos fronte a outras novidades da rede, como os blogs ou as redes sociais. Yahoo non fará públicas as causas concretas da 'morte' até este verán.
GeoCities naceu no decembro de 1995 como un remedo virtual das cidades e dos barrios. Os seus creadores foron David Bohnett e John Rezner, que permitían que calquera internauta puidese aloxar os seus contidos nunha web financiada con publicidade. Coa chegada da "era dos portais", GeoCities aumentou a súa capacidade de almacenamento, até os 11 megas, pouco antes de que a mercase Yahoo por 4.700 millóns de dólares, en 1999.
E ese foi o comezo da decadencia do servizo, pragado de GIF animados, táboas, botóns e HTML dificilmente validábel. Aínda sobreviven os seus parentes Tripod e Angelfire, propiedade de Lycos e tamén con graves síntomas de esgotamento.
A cambio, Yahoo ofrece agora hosting de pago e sen publicidade. As antigas webs de GeoCities seguirán existindo, polo menos, durante uns meses.