Os vigueses fan de anfitrións nun torneo en que recibirán a varios campións europeos chegados de Italia, Inglaterra, Turquía e España.
Do venres ao domingo desta mesma semana Vigo organizará o campionato internacional de baloncesto en cadeira de rodas que recibe o nome de André Vergawen. Na primeira fase o torneo está dividido en dúas sedes, que son o pavillón de Castrelos e o de Bouzas, mais a final xogarase nas Travesas o domingo ás 12.15 horas.
O Aldasa Amfiv afrontará este campionato coa ilusión de acadar o seu primeiro título europeo nos 27 anos de historia cos que conta. Para conseguilo terá como rivais de grupo aos ingleses do MK Aces e os italianos do Santa Lucía Sport Roma e Padova Millenium. No outro grupo estarán os españois do Sandra Gran Canaria, os turcos do Besiktas e os italianos do Santo Stefano e Anmic Sassari. Os dous primeiros clasificados de cada grupo pasarán a unha rolda eliminatoria da que sairá o nome do campión.