Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Carlos Aymerich, candidato á portavocía do BNG

"A militancia hai que activala para algo máis que poñer cartaces"

Coñecer mellor a realidade para poder cambiala e non limitarse a pedir o voto cando hai eleccións, son algúns dos eixos destacados por Aymerich no transcurso desta entrevista.

R. Vilar / R. Noguerol /Isabel G.Couso - 10:30 22/04/2009

Cando Carlos Aymerich (Vigo,1967) sentou por vez primeira nun escano do Congreso español aínda non cumprira os 30 anos. Logo veu o Parlamento de Galiza e un papel cada vez máis relevante dentro da dirección nacionalista. Agora, con 41 anos, encabeza a candidatura de Máis BNG ao Consello Nacional coa fin última de ser portavoz da organización frontista. Está disposto a dar batalla e axiña saca un sorriso cando se lle fala dos posíbeis riscos. Aínda que en poucas horas ten que pasar polo Parlamento, onde lidera o grupo parlamentario, está tranquilo. Por diante semanas para levar a mensaxe a toda militancia do BNG.

Inevitable preguntarlle polo recente discurso de investidura de Feijoo. Pode afondar un chisco máis: que foi o que máis lle desagradou da intervención e que puntos valora positivamente?
Feijoo tratou de agochar quen é e a opción política que representa. Quixo aparecer como unha especie de técnico sen ideoloxía dicindo cousas como que rematou o tempo das ideoloxías que lembran un pouco a aquel Fernández de la Mora falando do crepúsculo das ideoloxías cando logo tiña unha ideoloxía ben marcada. Eu creo que Núñez Feijoo chega á presidencia logo dunha campaña inzada de demagoxia e manipulación e mentiras. Iso si, cuestións éticas aparte foi unha campaña eficaz, xa que lle permite acceder ao Goberno sen facer ningunha proposta nin asumir compromisos. E agora, no Parlamento destaca dous compromisos especialmente negativos: derrogar o decreto do galego e revisar o concurso eólico. Foi do máis concreto que dixo.

Outra cousa sorprendente: Logo de pasar a campaña dicindo que solucionaría a crise en 45 días, acode á investidura esquecendo a promesa e exercendo de notario dicíndonos que hai moitos milleiros de parados e que vai haber moitos nos próximos meses. E el que vai facer para arranxalo? Nada concreto revelou. Só tópicas alusións a diálogo social e a irmos todos xuntos. Pero cara a onde quere ir? Cando eu avaliei o primeiro discurso, aínda non falara Fontenla [o presidente da Condeferación Empresarial], e o presidente da patronal aclarounos moitas cousas e explicounos por onde vai ir Feijoo, confirmando os intereses que representa o PP: derrogar decreto do Hábitat, construción desaforada na costa, etc...

O PSdeG e o BNG fixeron unha das cousas máis difíciles en política: perder á primeira. Os traxectos en coches oficiais fixeron perder a perspectiva?
Creo efectivamente que se cometeron erros. A chegada á acción gobernamental, afacerse ao instrumento da administración, ten o risco ás veces de facer perder contacto coa realidade. Se cadra fallouse ás veces cando ás orellas tiñan que estar postas perto da sociedade e no que á xente realmente lle preocupaba. Tamén un erro importante de apreciación, compartido ademais co PSOE, que foi pensar que o reto da competición estaba entre nós, que o PP estaba derrotado e que o que se xogaba nesta elección era a correlación de forzas entre BNG e PSOE. Demostrouse que foi un erro grave.

Quedou baleiro un espazo que deberamos ter compartido BNG e PSdeG, e que era a defensa do bipartito como tal. Cousas como que, desde o punto de vista simbólico, non houbese máis fotos de Touriño e Quintana xuntos, ou non comparecesen os dous logo do Consello da Xunta e nin sequera conselleiros. No medio diso chegamos a unha lea irresponsábel o verán pasado coa incerteza sobre a data das eleccións, que fixo que non se puidera planificar axeitadamente o peche da lexislatura. É máis, a moitos efectos poderíamos dicir que a lexislatura rematou daquela e quedamos nun treito de interinidade até marzo.

Con todo, hai que subliñar que iso xa pasou e toca traballar con forza desde a oposición. E agora é importante que a sociedade galega vexa que aprendemos dos erros, sabemos a lección e temos esa sensibilidade necesaria para pedirlles outra oportunidade dentro de catro anos.

Dende a súa fundación, os dirixentes do BNG sinalan decote que esta formación é a mellor ferramenta coa que conta o pobo galego, pero...non terá razón Feijoo ao dicir que o PPdeG é o partido que máis se parece ao país? Cáusalle pesimismo ao BNG ver esa fortaleza do PP?

Non. Temos que coñecer a realidade para poder cambiala. Primeiro temos que coñecer ben o país, porque esa é a realidade sobre a que operamos e a que queremos transformar en positivo. Para que sexa un país máis libre, máis igualitario, máis xusto, etc. Por iso, refugamos de actitudes do tipo 'este país non nos merece' ou 'non hai nada que facer' porque son antipolíticas e conducen á inacción. Recordo que en 1996, durante o debate de investidura de Aznar, o líder do PP respondeu á interpelación de Francisco Rodríguez dicíndolle algo así como que o único no que coincidíamos é que en Galiza hai galegos e que Aznar seica viña a ser máis galego porque a maioría dos cidadáns aquí votábanlle ao PP... As cousas penso que mudaron algo.

A realidade cambia e está en permanente transformación e máis en tempos coma este de crise económica e social, onde o estado de ánimo das persoas é máis volátil. Alén doutras valoracións, tamén podemos dicir que a xente, neste tipo de contextos, busca culpábeis próximos e quería que algo cambiase neste escenario, e o que máis a man apareceu para o cambio foi o PP. Quere iso dicir que toda esa xente que lle concedeu o apoio vai estar despois de acordo con políticas que, polo que imos vendo, parecen non ir encamiñadas á maioría social senón a intereses particulares, véxase a CEG ou certos magnates financeiros. Nós teremos que denunciar iso e, como nacionalistas, deixando clara unha cousa e é que hai unha ecuación que en Galiza non falla e que lamentabelmente o PP amosará outra vez real: van da man as políticas regresivas no social e autoritarias no democrático coa negación do país. E ao revés, non é posíbel en Galiza unha política progresista no social e ambiciosa nas liberdades se non vai da man da defensa da reivindicación de Galiza.

Iso é o que nos toca facer, o traballo para catro anos. E hai que facelo a partir do convencemento real do que é o país, e non a partir dun país mítico ou que alguén poida construírse na cabeza.

Pasando ao proceso aberto no Bloque. Entendemos que o propio nome da candidatura é moitas veces unha declaración de intencións. Xa que logo, por que máis BNG e por que agora?
Máis BNG porque nós entendemos que este é un proxecto colectivo onde hai grupos organizados e militantes a título individual compartindo todos que o proxecto do BNG é algo máis que un simple sumatorio ou conglomerado de siglas e sensibilidades, senón que o BNG é unha realidade en si mesma. A maioría das mulleres e homes do BNG somos do BNG sen intermediarios. E por tanto é o BNG quen ten que marcar as liñas políticas en todos os ámbitos, desde a economía até a lingua. Non poden definirse fóra. E por iso queremos que haxa máis BNG.

Queremos que o BNG se abra á sociedade, e para nós iso é algo máis que un tópico, é a vontade de facermos o necesario para que todos os que voten e apoien o BNG teñan un sitio na organización. Temos que ser unha organización de masas, e non nos podemos contentar con 9 mil militantes. Un exemplo dun primeiro chanzo pasa por organizar os nosos simpatizantes. Temos máis de 30 mil simpatizantes aos que non lles estamos ofrecendo ningunha función nin oportunidade práctica de colaborar co proxecto nacionalista. Simplemente se lles pide o voto en cada cita coas urnas. É un reto decisivo, porque hoxe a política faise así e unha organización como o BNG que quere estar moi imbricada na sociedade e combinar a acción institucional coa acción social non pode renunciar a alargar a súa base social e facelo construíndo espazos, misións e formas concretas e efectivas para eses militantes e simpatizantes.

'Máis BNG' tamén porque estamos convencidos da vixencia do proxecto nacionalista e de que ese proxecto pode ser maioritario na sociedade e ten que ser proxecto con vocación de Goberno. O BNG non é o mesmo despois desta etapa na Xunta, temos máis coñecementos e experiencias. E non somos os mesmos tampouco despois do paso por gobernos de cidades e vilas. Todo isto vainos enriquecendo. É un patrimonio colectivo que non ten outro futuro que aspirar a transformar Galiza desde o Goberno.

As estatísticas son frías e teimudas. Estas mesmas sinalan que o Bloque vén caendo nas autonómicas dende 1997. Que precisa o BNG para recuperar a confianza do electorado, e especialmente dese electorado máis volátil do que vostede fala?
Fórmulas máxicas non hai. O que hai é que articular un proxecto ilusionante, un discurso que realmente chegue á xente, que a interpele nas súas preocupacións máis inmediatas, no día a día, xente a partir do día a día, para a partir de aí facer política nacionalista e crear conciencia nacional, e non ao revés. É complicado chegarlle á xente coa lingua, nación e autogoberno se non é capaz de ver que vinculación ten iso coas súas preocupacións diarias, co que realmente lle tira o sono. É dicir: toca apoiarnos agora prioritariamente na pata social para chegar ao mesmo sitio. Unha organización con dúas patas que forman parte do mesmo corpo e que camiñan na mesma dirección que todos compartimos. As alternativas para a crise económica, en materia de emprego. Ese é o discurso que agora vai chegar máis claramente á sociedade.

Semella que moitas das análises en clave autocrítica sobre o funcionamento e estratexias do BNG xa aparecían entre a militancia antes da cita coas urnas o 1M. De non ter perdido o Goberno non habería catarse? Que faltou para non realizar antes estas análises, valentía, liderado?
Eu creo que tampouco estamos na porta de ningunha catarse. O BNG ten un apoio importante, malia que non nos chega e queremos moito máis. A batalla electoral perdida non quere dicir que o nacionalismo perdese a guerra nin moito menos.

As autocríticas para seren eficaces deben ser "auto" non vale dicir "vouche facer unha autocrítica" e todos deben asumir responsabilidades por aquilo no que participaron, consentiron ou animaron. Por iso eu fago autocrítica, porque formaba parte da executiva do BNG e fun candidato nestas eleccións. Creo que nese sentido, Anxo Quintana deu un bo exemplo. Non é a primeira vez que o BNG retrocede electoralmente pero si é a primeira na que o candidato dá un paso atrás e asume a responsabilidade por ese retroceso. Iso é unha novidade dentro do BNG e un sinal claro cara a fóra e cara a dentro.

Tampouco creo que faltase valentía, senón pericia para varias cousas, como para detectar estados de ánimo social. Tamén se fixo unha campaña demasiado intuitiva, sobre o que "nós pensabamos que", no canto de analizar realmente onde e o que podía motivar a xente a votar polo BNG. Pero todo iso ten solución sen necesidade de catarse, porque non estamos nunha traxedia grega nin ante ningunha catástrofe, senón nunha situación complexa que estamos resolvendo cun proceso de debate sobre a liña política futura e o modelo de BNG que queremos. Un debate ademais que se desenvolve con total normalidade.

Houbo "soberbia" na actuación da dirección do BNG tal e como teñen opinado por exemplo desde o Encontro Irmandiño?
Non creo que houbese problema ningún de soberbia malia que si houbese cousas que non se fixeron ben. Pero á beira tamén houbo moitas outras que si se fixeron ben. Iso non debe esquecerse, porque unha das tarefas nas que toca esforzarse na oposición é defender os logros do goberno bipartito. E estou convencido que a imaxe dese goberno vai seguir agrandando co tempo. Que teñamos agora un sistema público de benestar con servizos sociais públicos inéditos neste país se cadra non moveu a xente a votar desta vez. Pero a cidadanía hase dar conta cando o PP trate de privatizalos ou degradalos. Ou un Goberno que puxo por vez primeira os recursos enerxéticos ao servizo do país e introduciu a participación pública. Eu teño a convicción de que a sociedade vai a poñer en valor isto co tempo. Por iso: autocrítica si, pero ollo con caer no masoquismo.

Vostede quere substituír a Anxo Quintana. Durante estes anos que copiaría da etapa do de Allariz e que cousas nunca imitaría?
A etapa de Quintana xunta seis anos onde eu e moitos outros participamos activamente. O propio Xosé Manuel Beiras foi quen lle deu paso. Penso que na medida en que o BNG é un proxecto colectivo todos imos aprendendo dos erros que todos cometemos. Nesta etapa houbo cousas moi importantes a lembrar como é o feito de facer un discurso para toda a sociedade, intelixíbel, o acceso ao Goberno e o que isto supuxo no sentido de transformar na práctica o país e levar á práctica o noso discurso. O que nos ten que mover agora é a idea de aprender desa experiencia e estarmos orgullosos desa traxectoria, téndoa presente para formular un proxecto que devolva a ilusión e a esperanza e non só aos votantes do BNG se non ao conxunto do noso pobo.

No seu momento callou esa etiqueta denominada "quintanismo" para aludir a un certo sector do BNG. Neste momento de tres candidaturas sobre a mesa, bótase man aínda dela. Que é exactamente o quintanismo ou a que dá lugar agora, aymerichismo?
(Risos) Se falamos neses termos poderíamos falar tamén do beirismo ou do pacorrodriguismo... Todos tendemos a simplificar por unha razón de economía na linguaxe, personificando o que no fondo son proxectos colectivos.

O quintanismo é un movemento dentro do BNG así chamado porque dalgunha forma naceu cando Anxo Quintana era o portavoz nacional, logo tamén vicepresidente da Xunta, e que se caracterizaba pola intención de crear unha corrente central no BNG, superando enfrontamentos tradicionais para substituílos por unha política de integración e facer abrollar un oficialismo. Esa necesidade explícana situacións paradoxais como aquilo de os que están no comité central disparan ao comité central. E quen defende o BNG? Quen é no bo sentido, o oficialismo? O proceso actual clarifica o panorama: a UPG preséntase como UPG, Beiras preséntase como Beiras, e hai despois unha candidatura que aspira a representar o futuro do BNG. Todos nos coñecemos no BNG e, independentemente das lexitimidades fundacionais, agora toca outra cousa.

Ten vostede a convicción de que, dun xeito ou doutro, acabará habendo pacto? E nese sentido, que condicións son irrenunciábeis do seu proxecto, que non vexa ademais no dos rivais?
Non é bo demonizar os pactos e os acordos nin na vida xeral nin no seo dunha organización politica. Os acordos son necesarios. Pero neste momento no BNG os acordos chegarán despois de saber quen é cada quen e a quen representa cada quen. Por tanto, chegarán despois de que votemos. Ese é o momento, e non antes. Esa é a mellor base para un acordo. Eu falaba de que tiñamos que coñecer o país. Temos que coñecer tamén o BNG. Fagámolo.

E nese momento que ideas clave estarán na mesa para negociar acordos?
Quen vai decidir é a militancia. Este sábado escollendo delegados, pero sobre todo o día 10 na asemblea nacional. Creo que a nosa obriga é interpretar o mandato da militancia. E a militancia seguro que coincide en que desa asemblea debe saír un BNG cun novo impulso, pero sobre todo: un BNG unido. Esa é a nosa obriga. Eu, como cabeza visíbel desta candidatura digo claramente que os pactos virán despois de que a militancia fale e non antes. E hai tres listas, e o pacto pode ser con todo o mundo.

A necesidade de "ampliación de militancia" é unha idea subliñada pola candidatura que vostede lidera. Chama a atención que unha formación política das características e a traxectoria do Bloque leve tantos anos sen facer nada activo a prol desa ampliación. Por que?
Para empezar, no momento en que, sendo poucos, hai que adicar esforzo ás tarefas de goberno, esa entrada á Xunta drena cargos orgánicos cara a labores do executivo. Iso sófreo a formación. Penso que non fallou a vontade, senón a tensión de apostar polo feito de que alargar a organización e ter un BNG máis amplo é unha das tarefas fundamentais e ten que ser permanente. Podemos facer unha xestión moi boa, facer galescolas, vivenda pública, centros de día, etc, pero sen base social que defenda iso diante da xente, que espallen e difundan a nosa mensaxe, estamos perdidos. Non podemos confiar nos medios de comunicación. Esa é outra amarga lección que aprendemos.

Entendemos que ese sería un exemplo do que falaban vostedes durante a presentación da candidatura ao respecto da mellora da estrutura organizativa. Algún outro exemplo práctico de como propoñen mellorala?
Onte estiven en Vigo nunha xuntanza cun cento de persoas e un compañeiro explicaba que a estrutura interna é tan complexa como é a sociedade do país e que o BNG propón unha resposta extremadamente simple. Explicaba el: aquí reunímonos cada tres meses nunha asemblea local e nunha asemblea comarcal e mentres o militante non ten ningunha outra función. Hai que comezar a subliñar que no BNG hai moitas persoas moi cualificadas, integradas socialmente en ámbitos diversos de traballo e que poden participar de moitos xeitos. Á militancia hai que facilitarlle que se responsabilice de verdade do traballo político. E a militancia é agora moi diferente a como era hai vinte anos, e non hai que activala só para pegar cartaces. Hai que tecer unha rede na que a xente realmente se sinta implicada e responsabilizada. Non somos do BNG por pagar unha cota senón que debemos selo por participar activamente no proxecto do BNG. Ese é un dos retos.

Unha das características que distinguen o BNG do resto de organizacións é o seu carácter frontista. No Bloque hai dende formacións marxistas-leninistas como a UPG até outras que están nas antípodas destas teses, como pode ser o PNG-PG. Tanta diferenza ideolóxica imposibilita a pax interna?
Non creo que iso sexa un problema nin que existan visións da realidade tan distintas. Eu colaborei en moitos programas electorais e as diverxencias que vin non saían da pertenza a un partido ou outro dentro do BNG senón a outro tipo de razóns. Cada un pode poñerse as etiquetas que queira, eu considérome nacionalista e de esquerdas. De aí tamén o que sostemos de "Máis BNG". Ten que ser o BNG como tal o que defina a liña política. Iso axudaranos a superar pola vía dos feitos esa heteroxeneidade inicial. Ese é o reto. Vostede é socialdemócrata? Vostede é marxista-leninista? De acordo, pero o que temos que facer agora é definir o país que queremos para os próximos anos. E aí as etiquetas non valen: hai que concretalo.

Hai que superar o frontismo?
Eu creo que o que é indispensábel é manter BNG como organización unida e plural. Se por superar o frontismo se entende ir cara a un modelo de partido único, temos exemplo de como iso non resolve problemas senón que ás veces mesmo os crea. Agora ben, nisto como noutras cousas hai que asumir sen complexos que o frontismo foi até o de agora o instrumento que mantivo o nacionalismo unido dentro dunha organización plural pero se cadra noutro momento non ten porque ser a fórmula. Neste momento si o é, pero xa o veremos no futuro.

Vostede malia os anos que leva militando é novo ao respecto da media de idade habitual no escenario político. Cal é o mellor recordo que ten dese traxecto?
Moitos e moi bos. Sería complicado escoller un concreto. Estou convencido de que sería outra persoa diferente de non ter participado do proxecto do BNG. Acumulo moitas experiencias vitais, de amizade, de alegrías, tamén de derrotas. Sería complicado escoller un concreto. Agora mesmo venme á memoria un recordo das xerais do 93, cando despois de pasar todo o día como apoderado, comentabamos varios compañeiros a pé da praia de Riazor o que tería acontecido naquela cita se o nacionalismo fose unido, xa que cos votos de Unidade Galega xa daquela o nacionalismo tería presencia en Madrid.

E o peor, o momento máis duro?
Este 1 de marzo foi un día duro.

Beiras naceu en Santiago, Guillerme Vázquez en Pontevedra, Aymerich en Vigo...No BNG non hai boinas?
Penso que no BNG todos levamos boina, birrete e asumimos o país tal e como é. Eu son de Vigo, e de pequeno non tiña aldea, porque miña familia era da ribeira viguesa, por parte de nai, e do Seixo, polo lado de meu pai. Ese contacto co rural veu máis tarde. Pero creo que en xeral no BNG, vivamos ou non na cidade, todos temos o país moi presente. Penso que esa división boinas e birretes nin sequera no PP significa xa unha división rural-urbano, senón que lles serve para diferenciar entre os "enviados de Madrid" e os "nativos". Nese caso, Núñez Feijoo é claramente un enviado de Madrid, que veu para aplicar a doma e castración e eliminar calquera vestixio galeguista no PP. E agora parece pretender esa mesma "doma" desde o Goberno e co país. De nós depende que non o consiga.

Por certo, é casualidade que vostede e máis Guillerme Vázquez coincidisen no Congreso en Madrid?
Eu gardo moi bos recordos daquela etapa en Madrid, con Guillerme e máis con Paco (Rodríguez). Eu aprendín moito á beira deles. Para min aquela experiencia no Congreso foi moi importante, formoume moito e axudoume a madurar as miñas conviccións políticas. A coñecer como as gastan en España. Guillerme e máis eu temos falado de como aló se percibe que ninguén nos vai regalar nada e da importancia da forza que o nacionalismo sume en Galiza para facer valer o país. Así, cada un desde o noso punto de vista, traballamos agora para que o BNG sume máis forza.

Cal é a primeira cousa que faría se despois da asemblea de maio a militancia o elixe como voceiro nacional do BNG?
Dicir que pasou xa o momento da confrontación de opcións e que comeza o momento de traballar para devolver a ilusión a unha maioría de galegos, é importante lembralo, que non votaron polo PP. E devolverlles a esperanza supón que o BNG ten que liderar a oposición para poder volver ao Goberno en catro anos. Ese ten que ser o reto e a empresa común das mulleres e homes do BNG a partir desa data, e sen ningún tipo de interinidades.


4,52/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: