Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PROPOSTA DO GOBERNO ESPAÑOL

Feijoo, BNG e ecoloxistas opóñense aos parques éolicos mariños

En novembro de 2005, as tres forzas parlamentarias votaron en contra da instalación de aeroxeradores nas augas galegas polo seu "impacto" sobre a pesca.

Redacción - 19:00 21/04/2009

Os ministerios de Industria e Medio Ambiente aprobaron este luns o Estudo Estratéxico Ambiental do litoral, o chamado mapa eólico mariño, que determina as áreas da costa aptas para a instalación de aeroxeradores. Adega denuncia que malia que en Galiza a meirande parte da costa é zona de exclusión, esta área protexida ocupa unha franxa "escandalosamente estreita". A meirande parte da superficie corresponde á zona onde a explotación estaría "supeditada" a condicionantes ambientais, incluídos espazos interiores nas principais rías. Ademais, dúas áreas son declaradas aptas: fronte ás costas de Oia e Tui e na Mariña, entre Burela e Foz.

Adega manifesta a súa oposición a calquera explotación eólica no mar de Galiza "porque non atende a criterios de suficiencia, eficiencia e alternatividade, senón ao produtivismo e ao lucro empresarial" e afirma que non quere "que se repita no mar a desfeita que aconteceu en terra: Galiza xa ten pagado un prezo alto dabondo". Adega lembra que "non ten o mesmo impacto un parque eólico mariño na plataforma danesa que na plataforma galega" porque "o noso mar é un dos máis ricos e fértiles do mundo, por non falar das nosas rías".

Oposición de Núñez Feijoo
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mostrouse contrario a instalar parques eólicos mariños na costa galega xa que, ao seu entender, hai que ser "moi cautelosos" e "preservar" os usos pesqueros do litoral. Feijóo mantivo vixente a proposición non de lei que o Parlamento galego aprobou por unanimidade dos tres grupos en novembro de 2005, na que os tres partidos da comunidade se opuxeron á instalación de aeroxeradores nas augas galegas.

O BNG pide unha "resolución unánime" dos tres partidos
Finalmente, o BNG rexistrou este martes unha proposición non de lei na que insta á Xunta a adoptar as "medidas precisas" ante o Goberno central para evitar a instalación destes parques eólicos e chamou aos tres partidos a formular unha resolución "unánime" neste sentido. Bieito Lobeira, portavoz parlamentario do Bloque en materia marítima e pesqueira, denunciou que na zona 'supeditada a condicionantes', que ocupa a meirande parte da costa aparecen varias áreas con "importantes bancos pesqueiros, marisqueiros e percebeiros", polo que o impacto produtivo e ambiental "sería brutal, inasumíbel" e agregou que se vería afectada tamén a navegación marítima e a súa seguridade.

O mapa entre Ribadeo e Ortigueira
O mapa entre Ortigueira e Fisterra
O mapa en Fisterra
O mapa nas Rías Baixas


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: