O presidente da Generalitat, José Montilla, e mais o voceiro do PSC, Miquel Iceta, expuxeron cadansúa advertencia sobre a "relación" en xogo.
A galería de incumprimentos do goberno español co executivo catalá aparecerá este martes na mesa negociadora na que sentarán o presidente da Generalitat, José Montilla, o conselleiro encargado do desenvolvemento estatutario, Joan Saura, e o vicepresidente terceiro do goberno estatal, Manuel Chaves.
O principal desafío será o diálogo ao respecto do financiamento autonómico, importante punto de fricción entre as dúas administracións. Con todo, un feixe de temas pendentes aparecen na axenda, como é o caso da xestión dos ferrocarrís de proximidade ou do aeroporto do Prat. Nunha entrevista televisiva este luns, Montilla pediulle ao goberno español "sentido común" e definiu de "inxustiza" para Cataluña o modelo financiador actual. Á beira mostrouse calculadamente ambiguo ao respecto da relación entre PSOE e PSC.
Máis concreto sobre o peso dos 25 deputados que o PSC ten no Congreso apareceu o voceiro desta formación, Miquel Iceta, quen advertiu de que están en xogo "cousas moi serias". "Evidentemente ponse en risco a estabilidade de dous gobernos, un que non ten maioría parlamentaria, o de España, e unha coalición de goberno en Cataluña que se comprometeu a ter uns determinados resultados". "Se estes resultados non se obteñen a estabilidade destes gobernos está en xogo", avisou.
Recomendámoslles ampliar na prensa catalá: