Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Toma de posesión

O conselleiro de Educación di que non ten prazos para derrogar o Decreto do galego

Vázquez Abad dixo que se vai limitar a seguir o programa electoral do PPdeG, e a "reestruturar o ensino das linguas, para conseguir que todos os galegos sexan trilingües".

Redacción - 15:10 20/04/2009
Vázquez Abad con Feijoo durante a súa toma de posesión (clic para ampliar)

Vázquez Abad con Feijoo durante a súa toma de posesión (clic para ampliar)

Na súa primeira intervención como conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad asegurou que o seu departamento vai traballar só no marco do programa electoral "que lle outorgou a maioría absoluta ao PPdeG", e negou que, de momento, conten teñan planificada a derrogación do Decreto que regula que o 50% das materias troncais deben ser impartidas en galego nos centro de ensino do país.

Acompañado pola súa predecesora no cargo, Laura Sánchez Piñón (PSdeG), Vázquez Abad explicoulle aos medios de comunicación que han tratar de "aplicar aos poucos" as medidas proxectadas, mais "sen perder o tempo". Entre estas estratexias, falou da súa intención de "reestruturar o ensino das linguas, para conseguir que todos os galegos sexan trilingües". O novo conselleiro de Educación tamén dixo que nas vindeiras horas ha comezar a traballar conformando o "equipo e a estrutura" da Consellaría, e sinalou que o "proceso das oposicións" será unha das "cuestións a tratar", para o que agradeceu a colaboración de Sánchez Piñón. Para terminar, Vázquez Abad subliñou que a súa política "non vai supoñer unha ruptura" nin "tempo perdido" respecto ao Goberno do bipartito.

Pola súa parte, Laura Sánchez Piñón felicitou ao seu sucesor no cargo, e amosouse satisfeita de que proveña do "mundo da Universidade", ao tempo que defendeu a súa xestión, describíndoa como "a etapa da aposta pola educación pública" e do "consenso coa comunidade educativa". A socialista tamén se amosou convencida de que o novo Goberno popular ha "continuar con esta aposta".


1,3/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: