Entende que "vulnera" a Lei de Costas ao respecto da extensión da zona de protección en determinados núcleos rurais do litoral.
A vicepresidenta Fernández de la Vega
O Consello español de Ministros acordou este venres interpor un recurso ante o Tribunal Constitucional contra a disposición adicional segunda da Lei de Vivenda de Galiza por entender que "vulnera" a Lei de Costas.
Na xuntanza ministerial acordouse, tal e como estabelece a lei, solicitar ao presidente do Executivo español, José Luis Rodríguez Zapatero, a interposición deste recurso por considerar que "vai en contra do estabelecido" por esta norma.
Concretamente, o goberno español observa o incumprimento no que se refire á extensión da zona de servidume de protección aplicábel aos núcleos rurais do litoral existentes con anterioridade á entrada en vigor Lei de Costas, en 1988.
Abuso dos 20 metros
Esta norma, de ámbito estatal, prevé con carácter xeral que a servidume de protección deba ter unha ancho de 100 metros dende o límite do litoral, e só permite de xeito excepcional que sexa de 20 metros naqueles terreos que xa estivesen clasificados como solo urbano á súa entrada en vigor.
O Executivo español entende que a disposición da Lei de Vivenda de Galiza que vai ser recorrida estabelece que este ancho excepcional de 20 metros se estenda a outro tipo de supostos urbanísticos, o que "desvirtúa" a Lei de Costas.
O recurso elaborouse de conformidade cos informes do ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, e do de Política Territorial, e conta co ditame favorábel do Consello de Estado, informan axencias de noticias españolas.