Piden que se deixen de ver os portos como se fosen polígonos industriais, e aplauden a presentación pública do anteproxecto do plan de usos do porto, ao que queren facer achegas.
Un dos recheos da ría de Vigo
Membros da Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo CIES, deron unha conferencia de prensa esta terza feira na cidade para dar o seu parecer sobre a presentación do anteproxecto do plan de usos do porto, que foi realizada a pasada semana polo presidente da Autoridade Portuaria, Xesús Paz.
Hai outros xeitos de conseguir máis liñas de amarre, sen ter que recorrer aos recheos
A pesar de recoñecer que non leron, en profundidade, o documento, han solicitar unha entrevista coas autoridades portuarias e unha copia completa do texto para estudalo e poder facer as súas achegas propias, xa que non se trata dun anteproxecto pechado.
Nesta liña, o presidente da Plataforma, Serxio Regueira, sinalou que dende a organización apoian o desenvolvemento do porto vigués, "sempre e cando medre de xeito compatíbel cos usos tradicionais da ría, como a pesca, o marisqueo, a acuicultura ou o turismo e lecer". Porén, insistiron na necesidade de que os recheos que sexan inevitábeis se constrúan sobre piares, para manter a súa sustentabilidade, "xa que non existen razóns técnicas para non facelo así". "Debemos evitar que a ría se siga degradando co histórico modelo de facer portos pechados que mudan as correntes mariñas" e fan que as praias "vaian perdendo area, como acontece en Teis", subliñou o presidente da Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo. Regueira tamén recalcou que hai outros xeitos de conseguir metros de atraque sen ter que recorrer aos recheos, e referiuse ao Berbés, onde dixo que se podía aproveitar o exterior da dársena de Bouzas, mudando as entulleiras existentes por muros verticais.
Porén, dende a Plataforma laiáronse de que "aqueles documentos de grande importancia para a ría e a bisbarra sexan presentados sempre ao final de cada ciclo de mandato", de tal xeito que quedan "suxeitos a novas interpretacións ou visións, que historicamente sempre supuxeron unha ralentizacións, ou simplemente foron aparcados".
Os peiraos e o porto "non son polígonos industriais"
Na súa conferencia de prensa, dende a Plataforma viguesa tamén quixeron salientar que no emprego dos espazos da faixa costeira "é preciso mudar as vellas prácticas", xa que só se deberan desenvolver, segundo din, "aquelas actividades que necesariamente precisen instalarse na zona" e "todo o demais", din, debera ficar en "polígonos industriais, portos secos ou plataformas loxísticas". Nesta liña, Regueira referiuse ao novo recheo proxectado en Punta Chapelisa para a industria frigorífica, que, segundo dixo é "contraditorio, cando este tipo de empresas, e mesmo as conserveiras de Beiramar, están trasladándose ao interior", sentenciou.
Reclaman un control permanente do saneamento da ría
Para terminar a súa comparecencia ante os medios, dende a Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo falaron da necesidade de que as administracións se coordinen para manter limpa a ría, facendo un seguimento dos sistemas de saneamento integral, sexa cal sexa o seu tamaña e función.
Nesta liña recalcaron que as autoridades tamén deberan mudar a súa concepción do que son os portos, porque non son pequenas industrias, senón un lugar de carga e descarga". Por isto defenderon que a política cos portos debera ir mudando co tempo, xa que hai milleiros de familias que viven da ría, e unha mala xestión terminaría con esta "economía sustentábel".